jueves, 11 de noviembre de 2010

Cerviño e o Cruceiro de Xirazga

CERVIÑO E O CRUCEIRO DE XIRAZGA


Xesús Antonio Gulías Lamas


   Eu vin ó mundo na parroquia de Santa María de Beariz de Montes e dende a casa onde nacín, vese a Torre de Cerviño, como lle chamamos os veciños desta parroquia á torre da nosa igrexa. Posiblemente, por iso, por haber nacido en Beariz de Montes, xa sendo neno pequeno, o nome de Cerviño soábame coma algo familiar, coma se formara parte dende sempre das nosas cousas, porque o máis lanzal, o máis rechamante, o máis sobresaínte daquela casa, que é a casa de todos, fixera José Cerviño, Pepe da Pena de Aguasantas, o canteiro máis grande e o máis admirado de cantos tiveron na man un punteiro e unha maceta.


Telesfora Montero e Xosé Cerviño

   Miña avoa María, contábame que cando Cerviño estivera en Beariz refacendo a torre da igrexa, ela aínda non nacera e por iso non se lembraba deste feito, pero sabía que tivera unha boa amizade con seu pai, Benito Gulías Ogando, máis coñecido na Terra de Montes, coma O Currucho. O Currucho Vello, foi, polas obras que deixou, un bo canteiro, que coma tantos outros, tamén traballou na torre, cando Cerviño dirixiu aquela obra. Contábame tamén, miña avoa, porque así llo contaran a ela, que tanto os canteiros de Beariz coma os veciños da parroquia, non cobraran nada polos traballos que realizaron, xa que foi coa achega do traballo dos canteiros dos lugares de Beariz, picando pedra e das mulleres, axudando a facer os carretos,  como se reedificou a torre que desfixera un raio un día de forte treboada.


 Torre de Santa María de Beariz de Montes, obra de Xosé Carviño

   Tamén me contaba miña aboa María, que aínda conservaba na súa mente, despois de tantos anos, un recordo de Cerviño, de cando ela era unha nena duns nove ou dez anos, que saía unha mañá para a escola que había para todas as rapazas da parroquia no lugar de Muradás, cando chegou Cerviño á casa para facerlle unha visita ó seu pai, e contoulle o famoso canteiro, que estaba facendo un cruceiro en Xirazga, que lle encargara o cura daquela parroquia de Montes, que se chamaba D. Manuel Carballal.

   Contaba tamén, que non sabía ler nin escribir. Isto dicíao cando a miña tía Asunción que foi a miña primeira mestra, me facía estudar na casa as leccións que me puña na escola e non me deixaba  ir brincar cos outros rapaces da miña idade polo pobo arriba, polo que a miña vella, adoitaba dicirlle: “Este rapaz, non deixa a “estornela” en todo o día, e ó mellor non lle sirve para moito”. Cando eu lle dicía que quería ser canteiro, ela repuña: “Para ser canteiro, non fai falta tanta “estornela”: Cerviño non sabía ler nin escribir e fixo a torre de Beariz, o Panteón de Merelles e o Cruceiro de Xirazga”. E eu dáballe toda a razón do mundo, pero miña tía, non pasaba por esas, e facíame aprender as leccións, ó pé da letra, disque, para exercitar a memoria.   

   Esta é a miña tradición e o meu primeiro achego á figura de Pepe da Pena, o José Cerviño de Aguasantas. Xa que nos xuntamos aquí, no Castelo de Sobroso, para falar de cruceiros, de cruces e de petos de ánimas, quérovos presentar hoxe cinco destes monumentos da miña terra. Dous deles, son francamente grandiosos. O máis importante, é sen dúbida, o Cruceiro de San Salvador de Xirazga, obra como acabamos de dicir, de Cerviño e o peto de ánimas da Carballeira de Doade, de autor descoñecido. Os outros tres, son moi humildes; tan humildes, que pasan desapercibidos para a maioría de xente que camiña á súa beira: o peto de ánimas do muro do adro da igrexa de Santa María de Beariz de Montes, o peto de ánimas do muro do adro da igrexa de San Salvador de Xirazga e esmoleiro da capela de Santo Domingo.

   Pero antes de pasar a describir estes monumentos da miña terra, quixera dar dúas pinceladas, aínda que sexa de xeito superficial e sen grandes profundidades, sobre a personalidade de Cerviño, algo do seu estilo e o que as súas obras representan para os que temos a sorte de telas cerca.

   Hai unha frase no Evanxeo de San Mateo, no capítulo VII, versículo 16, que logo se repite no 20 e que di así: “Polos seus froitos, coñecerédelos”. E cales son os froitos dun canteiro?: As súas obras.

   Cerviño fixo moitas obras, pero escribiu moi poucas veces o seu nome. Eu vino escrito no panteón que realizou para si e para a súa familia, que é onde repousan os seus restos mortais, no cemiterio de Santa María de Aguasantas, nun letreiro que hai na parte alta, onde di: “PROPIEDAD DE JOSE CERVIÑO”. Tamén nese mesmo cemiterio, e case en fronte, hai un panteón moi rechamante que leva na parte alta do mesmo, un medallón flanqueado por un par de leóns rampantes, onde se pode ler arredor do medallón, pola parte superior: “DEL CAPITAN D. JOSÉ LOPO PIÑEIRO” e, tamén arredor, pero pola parte baixa, di: “LO HIZO JOSÉ CERVIÑO”.


    
                
                             Panteón de Cerviño (Aguasantas)                                                                                                    Panteón feito por Cerviño (Aguasantas)
 No cemiterio parroquial de Santiago de Antas, no centro do testeiro do presbiterio da súa igrexa parroquial, hai tamén outro panteón monumental, que leva na cima un sarcófago cunha cartela polo lado norte, que segundo testemuña de Estanislao F. de la Cigoña, parecer ser, que tamén está escrito o nome de José Cerviño, como autor da referida obra. Cando eu estiven alí, non fun capaz de ver con meridiana precisión o nome de Cerviño, xa que as letras da cartela, estaban tan deterioradas, despois dunha profunda lavada que lle deron, que non me permitía unha correcta lectura. De todos modos, quero dar e dou por boa a lectura que no seu día fixo De la Cigoña, polo que considero, que o nome de Cerviño, aparecería polo menos, tres veces, escrito en pedra.

Sepultura feita por Cerviño en Santiago de Antas

   Polo demais, que se saiba, non hai constancia de que houbera firmado unha obra, nin un contrato, nin dado unha carta de pago, nin nada que se lle pareza, tanto cando traballou para persoas particulares, como cando o fixo para as igrexas parroquiais, baixo a vixilancia e o patrocinio dos seus párrocos. Xosé Cerviño, deixaba que o corazón da xente que lle encargaba unha obra, respondera á confianza que el tiña posto nas persoas que lle daban o traballo. Era tal a fiabilidade que tiña na xente, que para o contrato dunha obra, abondaba a súa palabra para facela, e a palabra do contratante, para recibila, unha vez realizada.

   Posiblemente, por ser tan bo en tódolos sentidos, é dicir: na bonhomía e na arte, tivo tanto traballo!, fixo tantas obras! e morreu tan pobre!.

   O seu estilo é grandioso, inconfundible, sensacional e innovador. Quérome fixar hoxe unicamente, nalgúns detalles dos Cristos e dalgúns personaxes dos seus cruceiros coas súas cruces, case sempre ataviadas con nodosidades, coma as árbores desta terra. Os seus Crucificados están revestidos da dor do ser humano que sofre e expresa o seu sufrimento nos corpos desgarrados, cese sempre, lixeiramente dobrados sobre o costado dereito, mostrando a debilidade e a impotencia de todo un Deus que se fixo home e morreu cravado nunha cruz.

   Cando os Cristos aínda están vivos, Cerviño parece que os representa nun recollemento profundo, coma se lle estiveran pedindo ó Pai, perdón pola barbarie que a humanidade está cometendo, como sucede no cruceiro de Xirazga ou no cruceiro de Troña. Cando están mortos, as cabezas déitanse derrangadas e os corpos deixan caer todo o seu peso no baleiro, suxeitos unicamente polos tres cravos  ou pola fina saba, no caso dos descendementos, que van deixando que se deslice, dende a travesa da cruz, Xosé de Arimatea e Nicodemo, que subidos nas escaleiras, están realizando esta delicada tarefa.

   E sobre a plataforma dos capiteis sempre ataviados con anxos, están as figuras que nos narra o Evanxeo, presenciado a escena: a Virxe, consolada por San Xoán; a outra María e a Madalena, ós pés de Cristo, en ademán de cooperante.

   Case sempre, no reverso da Cruz haberá unha Virxe. Se non fora así, estará na vara, ou nos pés do mesmo cruceiro, pero sempre estará a figura da Nai de Deus.

   As súas Inmaculadas, son excelsas, vencedoras do mal e do pecado, conscientes da limpeza que representan. As súas Asuncións, simbolizan como ningunhas a levedade da materia e a forza do espírito, buscando a transcendencia. E as súas Dolorosas, representan as penas dunha Nai, que máis alá da dor que produce a morte, queren deixar nos camiñantes que miran cara ó alto, a firme  esperanza da salvación que nos trae o seu Fillo que está por detrás, cravado na Cruz. ¡Esta é unha parte da teoloxía dos Cruceiros de Cerviño!.

   Porque os Cruceiros de Cerviño son, ademais de obras de arte,  un manual didáctico da catequeses cristiá, xa que foi capaz de reflectir na pedra de cada un deles, o intre que quería expresar, sublimando aquela catástrofe humana, para revestila de esperanza e achegarnos con iso á fe da salvación, que Deus nos trae neste misterio. É así, como non só nos pon na escena do Calvario, senón que nos mete de cheo a participar, cos demais personaxes, nos actos que alí se están a desenvolver, facéndonos, con todas as súas figuras, actores dese intre tan transcendente para a humanidade.

   Teño que facer unha referencia, aínda que sexa pequena á vestimenta dos seus personaxes. Os longos vestidos, tanto das Virxes, coma das santas e santos, que aparecen nos seus cruceiros, presentan todos unha sinxeleza de formas, pouco común na maioría dos canteiros da época, moi dados ás dobreces rebuscadas. Os vestidos das imaxes de Cerviño, están libres de complicacións e baixan dende o alto ó correr da figura, deixando como transparentar dalgún xeito, as formas do corpo. Só as capas, que lle cobren as costas, están ataviadas nas beiras con pregos ondulados, para darlle ás imaxes unha esvelta elegancia.


  Os que temos a sorte de posuír nos nosos pobos e poder admirar cada día, unha obra de Cerviño, non nos queda máis remedio que agradecerlle a Deus, que un día puxera nesta nosa Galicia, un canteiro sen ambicións económicas, sen ansias de riqueza nin loanzas; con tanta arte nas mans, cunha cabeza tan ben organizada, cunha capacidade de sacrificio tan enorme, que fixo na pedra, marabillas, sen as pretensións da gloria deste mundo, sen vaidades, coa humildade dos pobres do Evanxeo, que escribiu, todo un manual de teoloxía catequética, empregando unicamente os “escurios, os ferronchos e as calmotas”, como dirían os canteiros no seu verbo.

   Vou pasar de seguido a facer unha pequena descrición das obras arriba mencionadas do concello de Beariz de Montes.




O CRUCEIRO DE XIRAZGA

   O cruceiro de Xirazga, é unha obra mestra, coma todas as obras de Cerviño, a pesar das dificultades coas que se atopou, debido ó tipo de pedra co que está realizado, xa que foi elaborado con granito da zona de Xirazga, de gran excesivamente groso, o que lle dificultaría de xeito moi sensible, a calquera escultor, unha perfecta talla. Está chantado na parte norte do adro da igrexa parroquial de San Salvador de Xirazga e é coma un canto á elegancia, onde as liñas e os perfís se subliman para facer, arredor dunha vara e  dunha cruz, un canto a varios pasaxes da Biblia.
      
Cruceiro de Xirazga

   O fuste, no primeiro tramo, de arranque cadrado, coas arestas baquetoneadas, lava tallas no rebaixe de cada cara. Nunha o cáliz e a columna; noutra o látego e as tenaces; na seguinte, o martelo, un corazón e tres cravos para rematar coa lanza, a cana co hisopo e a escada. Xa un pouco máis arriba, coma se acabara de nacer o mundo, sobre as peañas do paraíso, aparecen, a un lado Adán e ó outro Eva, que colle na man a mazá que lle entrega a serpe, que está formando parte integrante da árbore da vida, como signo do mal e do pecado, para que Adán a coma e, deste xeito, se contamine a humanidade, neles representada.

   Onde a vara se fai octogonal, tamén sobre peaña, está un santo da raza dos cruceiros galegos, que forma parte da familia franciscana, ó que tanta devoción se lle ten na Terra de Montes. Este San Antonio non ten o Neno Xesús no colo, posiblemente porque lle partira polo que tivo que poñerlle o brazo pegado ó corpo e cunha especie de palma na man. Esta posibilidade, lémbrame, o que me dicía a min nunha ocasión o meu amigo Vilas, de Lalín, cando estaba tallando en Beariz, A Muller e a Filla do Emigrante: “Vou intentar poñerlle o brazo en alto, pero se me rompe, métolle a man da faldriqueira”. Algo así lle debeu pasar neste caso a Cerviño. 

       
Cruceiro de Xirazga                             

   Á mesma altura, pero no reverso da vara, tamén sobre peaña modulada, vai unha Verónica, vestida coa simpleza das obras de Cerviño, onde as roupas caen polo seu propio peso sobre o chan e so a capa se atavía con dobreces onduladas, que lle dan á figura, unha gran elegancia. A cabeza da Verónica, lixeiramente erguida e ladeada, ten a vista mirando ó ceo, mentres que coas dúas mans mostra un gran pano no que aparece  o rostro de Cristo en alto relevo, de finísimas proporcións e exquisito acabado. De aquí para riba, a vara convertese en cilíndrica, para darlle descanso ó capitel.  

   O capitel, de estilo corintio, con volutas nas arestas e follas carnosas dobradas ó exterior, está decorado na parte alta da cesta cunha cabeciña de anxo en cada unha das caras. A cruz, cilíndrica con nodosidades, presenta pola cara meridional  unha imaxe de Cristo de excelentes proporcións, perfecto acabado e coas liñas do corpo moi marcadas, o que denota por parte do autor, un excelente coñecemento da anatomía humana. Ten o rostro sereno, perfectamente rematado, cunha coroa de espiñas exquisitamente trenzada. A imaxe está suxeita á cruz por catro puntos, presentando na parte superior un gran baleirado e cunha caveira ó pouco do arranque. Polo reverso, presenta a imaxe da Dolorosa cunha espada cravada no corazón. Ten as mans cruzadas en alto e leva un vestido, con caída sinxela e sen complicacións, ó correr do corpo, e sobre o lombo, unha fermosa capa con dobreces onduladas en diminución. Vai pousada sobre peaña modulada cun anxo no apeo.


   Toda esta marabilla, vai montada sobre un pedestal, de perfil modulado,  colocado sobre tres chanzos de escaleiras e na cara meridional, podemos ler o seguinte: SE HIZO POR EL PARROCO D. MANUEL CARBALLAL. 1896.




PETO DE ÁNIMAS DA CARBALLEIRA DE DOADE

   Trátase dun peto en forma de frontón, tipo pechado, realizado con perpiaños, de sección rectangular e remate semicircular cunha imposta de cimacio arredor. Ten tres metros con setenta centímetros de altura; un metro con corenta e seis de ancho e cincuenta e catro centímetros de espesor no corpo da fornela. Os outros dous, son lixeiramente máis grosos: cincuenta e oito e sesenta e tres, respectivamente.

   Consta de tres corpos. O primeiro liso, cun rebaixe rectangular onde leva unha lenda que di a tres carreiros: SE HIZO SIENDO CURA PARROCO DE GIRAZGA D. MIGUEL VILLANUEVA AÑO 1860.

Peto de ánimas da Carballeira de Doade

   O segundo corpo abre no centro un arco de medio punto lixeiramente rebaixado polo que se accede ó interior dunha fornela que se cubre cunha pequena bóveda  onde se acubilla un retablo coa Virxe do Carme co Neno Xesús no colo e as ánimas no medio das lapas en ademán de súplica, e sobre o piso do fronte vai o queixón das esmolas. Unha reixa de ferro impide o acceso ó interior. O arco apea sobre unhas pilastras de sección rectangular, ataviadas con xunquiño. Na parte superior, un baquetón percorre todo o paramento.

   O terceiro corpo é semicircular con cimacio, tanto no segmento curvo coma no diámetro. Sobre o ápice leva unha cruz lixeiramente biselada e un pendón piramidal a cada lado.

   Este peto de ánimas está chantado na parte meridional da carballeira de Doade, na que se celebra todos os días 9 de cada mes, sen interrupción, dende a Idade Media, unha das feiras máis sonadas de toda a Terra de Montes. Está moi cerca da porta occidental da capela de Nosa Señora do Carme e á beira da estrada que une Beariz de Montes con Pontecaldelas.


  
  
PETO DE ÁNIMAS DE SAN SALVADOR DE XIRAZGA.



   É este un peto que está composto por unha pequena fornela tallada en dúas pedras do muro oriental do adro da igrexa parroquial de San Salvador de Xirazga.

   Na actualidade non ten retablo nin reixa e a caixa das esmolas está no interior e ía cuberta cunha tapa, posiblemente de ferro da que se conservan os buratos onde ían espetadas dúas bisagras. Non ten nin o máis mínimo sinal de devoción popular e non hai constancia nin tradición de que o houbera noutros tempos.

Peto de ánimas de San Salvador de Xirazga

   Carece de inscricións e posiblemente sexa da época do muro do adro, porque no libro de fábrica do ano 1746 que remata no ano 1816, di así ó referirse á visita que lle fixo á parroquia no ano 1778 o visitador e provisor, do Arcebispo de Compostela, que “en plazo de seis meses concurran obreros para que acomodándole sitio para la sacristía y en la parte del atrio que es de la iglesia, dejándolo más capaz y el muro más alto al camino, con sus puertas, y siendo de los vecinos los carretos y el allanar y fundar las sepulturas”. (1)

  (1) Libro de fábrica, fol 89 vº.

PETO DE ÁNIMAS DE SANTA MARÍA DE BEARIZ DE MONTES



    Entre os anos 1773 e 1779 fíxose o muro do adro e as cruces do viacrucis, das que na actualidade só se conservan cinco, polo lado norte. As dos lados oriental e meridional desapareceron cando se ampliou o cemiterio por ambos lados. Era prior da freguesía de Santa María de Beariz de Montes o cisterciense, Frei Chrisóstomo Losada, segundo podemos constatar na inscrición que hai na parte máis noroccidental deste muro.

Peto de ánimas de Santa María de Beariz de Montes

O peto de ánimas está situado na parte norte do muro, moi cerca da inscrición coa data de 1773 e das cancelas que dan acceso ó interior do adro da igrexa parroquial. Trátase dunha fornela ó xeito de cuncha de vieira, con arco de medio punto, que leva tallada no interior unha cruz en baixo relevo.

   A caixa das esmolas, que tivo tapa de ferro, está na parte inferior e vai ataviada no fronte cun antepeito modulado, actualmente, bastante deteriorado.

   Posiblemente tivera en orixe retablo de madeira. Non hai constancia documental nin por tradición oral, que este peto amosara devoción ou culto por parte dos fieis, nos derradeiros tempos.

  
PANTEÓN DE MERELLES

(Obra de Xosé Cerviño)


   Este panteón é coñecido en Beariz como o Panteón de Merelles, xa que foi mandado construír por D. Domingo Antonio Merelles, quen fora deputado, primeiro pola circunscrición de Ourense e finalmente pola de Carballiño, nas lexislaturas de 1839, 1841 e 1858-1863. Tamén foi senador pola provincia de Ourense na lexislatura 1871-1872. Foi pai de D. Adolfo Merelles y Caula, que foi deputado polo Distrito de Ribadavia entre os anos 1879 e 1907, a excepción dos anos 1891-1893 que fora elixido senador pola provincia de Canarias e entre 1896-1898 cando fora nomeado senador pola provincia de Ourense. Merelles Caula foi o pai de D. Adolfo Merelles Martel, quen tamén foi elixido Deputado a Cortes polo distrito de Ribadavia, entre os anos 1910-1914, polo partido liberal. O monumento foi labrado por Cerviño a comezos do derradeiro cuarto do século XIX, posiblemente cando refixo a torre da igrexa parroquial de Santa María de Beariz de Montes, que fora derrubada por un raio.

Panteón de Merelles

   O monumento está acaroado pola parte meridional ó presbiterio da Igrexa parroquial de Santa María de Beariz de Montes. Consta de catro nichos superpostos, colocados lonxitudinalmente e rematados nun frontón semicircular pechado, cun medallón ovalado no centro e ataviado con lambrequíns, ó xeito de escudo onde está escrito, na actualidade case ilexible, o nome do propietario: PROPIEDAD DEL S. D. DOMINGO A MERELLES. Sobre o ápice, leva unha cruz cos vértices ó exterior e irradiacións na intersección dos brazos, ambos rotos.

   Todos os nichos, salvo o primeiro, que leva unha cartela simple e plana, están decorados nas paredes lonxitudinais. O segundo, que ten as paredes cóncavas, vai decorado cun par de panos, pendido cada un, de dous botóns e coas puntas caídas en vertical; o terceiro, leva en cada esquina unha flor de catro pétalos lobulados e o cuarto, vai ataviado cun reberete de follas anchas nos extremos.

   A cornixa do segundo, labrada en cuarto de toro é a máis elaborada, xa que está decorado con follas  trilobuladas e o terceiro, está rematado en peito de pombo con listel na parte superior; as demais son rectas. O frontón leva cornixa lisa en planos superpostos e media cana pola parte exterior cun par de bágoas nos asentos.

   Na 1ª Edición do ABC, do martes 21 de febreiro de 1911, aparece  unha publicación na súa páxina 8, que di: “En su casa de la calle Cervantes falleció anoche, a las ocho y veinte, el respetable hombre público D. Adolfo Merelles Caula.
Desde las Constituyentes del 09, el señor Merelles representó en el Congreso en casi todas las legislaturas, el distrito de Ribadavia, y ocupó en diversas ocasiones un puesto en el Senado por el voto de sus electores de Canarias y Orense.
Durante los gobiernos liberales desempeñó elevados cargos –director general de Obras Públicas y de Administración y Fomento, subsecretario de Ultramar y de la Gobernación y director general de Penales-, demostrando en todos ellos su rectitud, su elevado espiritu y su caballerosidad, cualidades que daban a su personalidad gran relieve, y por las cuales era generalmente estimado.
Sus grandes amigos los Sres. Sagasta y Marqués de la Vega de Armijo le distinguían con su cariñosa predilección.
Tenía el Sr. Merelles cariño inextinguible a Galicia, su tierra, á la cual prestó grandes y excelentes servicios, muy estimados por sus paisanos.
 Deja el respetable hombre público á su viuda la señora doña Sofía Martel y cinco hijos: dos varones, el diputado á Cortes por Ribadavia, D. Adolfo, y D. Fernando, y tres hembras, doña Magdalena, casada con nuestro compañero el redactor jefe de El Liberal, D. Enrrique Trompeta; doña Antonia, casada con D. Manuel Muñoz, y doña Sofía, con D. Máximo Fernández de Robles.
A todos ellos enviamos nuestro sincero pésame”.
 
   Don Adolfo Merelles Martel, (fillo de Merelles Caula) que como dixemos máis arriba, tamén foi deputado por Ribadavia, entre o 8 de maio de 1910 e 1914, estaba casado con dona Carme Eguiluz Álvarez. O matrimonio, acompañado do seu fillo Adolfo e das súas fillas Carme e Luísa, pasaban os veráns en Beariz. Cando faleceu Dona Carme o 21 de xuño de 1964, na súa necrolóxica dise “que se van celebrar misas gregorianas pola súa alma en Ribadavia e Beariz”. A Merelles Martel, grazas ó seu paso pola política nacional, débeselle o inicio das obras da estrada OR. 213, que une San Cristovo con Beariz.



ESMOLEIRO DA CAPELA DE SANTO DOMINGO



   En canto ó esmoleiro situado na fachada da capela de Santo Domingo, onde remata a Serra do Suido, pola parte setentrional, temos que dicir que é unha simple fornela, ó xeito dunha cuncha completamente lisa, realizada nun perpiaño, sen ningún tipo de atavíos, nin sinais de devoción popular.


Esmoleiro de Santo Domingo
  
Despois deste pequeno percorrido, no que pretendín facer fincapé nalgúns detalles sobre a figura de Xosé Cerviño García, coñecido tamén coma Pepe da Pena e dar conta destes monumentos que forman parte do patrimonio relixioso do concello de Beariz de Montes, non me resta máis que darlle as grazas a todos e desexarlles moi bo día.
  

Xesús Antonio Gulías Lamas
2010


No hay comentarios:

Publicar un comentario