jueves, 31 de marzo de 2016

TRES FALSOS PIARES NOS QUE ALGÚNS AUTORES SE APOIAN PARA CONCEDERLLE A IGNACIO CERVIÑO QUINTEIRO A AUTORÍA DO CRUCEIRO DE HÍO



TRES FALSOS PIARES NOS QUE ALGÚNS AUTORES
SE APOIAN PARA CONCEDERLLE A IGNACIO CERVIÑO QUINTEIRO
A AUTORÍA DO CRUCEIRO DE HÍO EN CONTRA DO QUE DI A TRADICIÓN, QUE FOI PEPE DA PENA O QUE O FIXO



Xesús Antonio Gulías Lamas

Despois de ter lido con detención o libro que leva por título “Cerviño contra Cerviño” do amigo Estanislao F. de la Cigoña, que na súa primeira páxina di nun entrecomillado, tomado do Pregón das Festas do Sto. Cristo da Luz de Hío, 1999, escrito por Emilio Alfonso Fernández Sotelo o seguinte: “Es el momento de recordar y agradecer el trabajo de investigación de D. Eugenio Eiroa Hermo, que con tenacidad, criterio recto y documentación precisa demostró que Ignacio Cerviño fue el autor del grupo escultórico del Sto. Cristo de la Luz”, despois de ler estas palabras tan contundentes, repito, pensei que esa “documentación precisa” da que nos fala o cura de Hío, sairía a relucir ó longo das páxinas deste libro. Teño que dicir que a miña frustración foi maiúscula, porque en vez de ser páxinas dun libro, que eu esperaba de comprobacións documentais precisas, como se nos di no “introito” que acabo de sinalar, resultaron ser páxinas de recomendacións para unhas crenzas no que non vimos nós, nin o que as escribiu, nin sequera o que as propagou, pois chégasenos a dicir que as tres probas que se van presentar “non admiten discusión posible e non hai máis que acatalas como verdades de fe”. (páx. 23) Outras páxinas están dedicadas a obras documentadas de Ignacio Cerviño e noutras moitas, trata de  concederlle a este escultor, obras sen ningún tipo de proba documental nin estilista.
           


 

Fonte de Santiago (Cangas)


Altorrelevo do Rvdo. Graña González



Debo dicir que non teño nada en contra de ningún canteiro e menos de Ignacio Cerviño por quen sinto certa admiración, non só pola enorme cantidade das obras documentadas que deixou, aínda que considero que moitas delas teñen importantes carencias artísticas e moi mellorables, pero sobre todo, porque foi deixando por onde pasou, un rastro considerable de documentos e firmas, cousa atípica, entre os canteiros de Galicia, empezando polo Mestre Mateo. Admiro tamén neste home, o bo concepto que tiña de si mesmo, xa que se declara “escultor”, algo similar ó que fai o seu coetáneo González Perdiz, que se chamaba “maestro”. Son dous casos raros no mundo dos canteiros, xunto con Argibai, o autor do cruceiro de Maceira, quen tamén se chamaba a si mesmo, “maestro”. Non teño nada persoal en contra de Eiroa, ó que non coñecín persoalmente e do que lin a primeira vez, e por casualidade, un artigo que viña publicado no Faro de Vigo sobre o Cruceiro de Hío; outro artigo, tamén publicado nese mesmo diario con data do 30 de agosto de 1964; algún artigo máis, igualmente publicado no Faro sobre o mesmo cruceiro e finalmente, os dous artigos publicados no I e II Libro de Actas de esta Asociación. Non teño nada persoal en contra do amigo De la Cigoña, autor do libro que leva por título: “Cerviño contra Cerviño”, e por suposto, non teño nada en contra do Rvdo. Fernández Sotelo, actual párroco de Hío, ós que aquí sacarei a colación. Digo isto, porque a miña crítica está dirixida única e exclusivamente ás “probas” empregadas por estes autores para concederlle a autoría do Cruceiro de Hío e de algúns monumentos máis a Ignacio Cerviño, baseándose en meras sospeitas e probas sen ningún rigor documental, simplemente, moitas delas, como é o caso que nos ocupa, pola beleza e grandiosidade do monumento.

O Cruceiro de Hío, que non é propiamente un cruceiro, no senso máis tradicional, senón un “desencravo”, aínda que é coñecido por propios e alleos coma cruceiro, é sen dúbida, un dos máis fermosos e fantásticos de Galicia. Este cruceiro, atribuíselle dende sempre, a un canteiro excepcional que se chamaba Xosé Cerviño García, que naceu no lugar da Pena, parroquia de Santa María de Augasantas, no concello pontevedrés de Cotobade o día 23 de maio de 1843 e morreu na súa casa da Pena o 4 de xaneiro de 1922, á idade de 79 anos. Os seus restos repousan no nicho central do panteón da súa propiedade, situado na parte oriental do cemiterio de Santa María de Augasantas, case enfronte do testeiro da monumental igrexa desta parroquia.

   A falla de documentos escritos da época da construción deste cruceiro, levaron a Eugenio Eiroa Hermo, que foi corresponsal do Faro de Vigo en Cangase e tamén “oficial maior” dese concello ó que pertence na actualidade a parroquia de Hío, a concederlle a autoría do mesmo a outro canteiro, coetáneo de Xosé e nacido na mesma parroquia de Augasantas, aínda que no lugar de Peroselo, chamado Ignacio Cerviño Quinteiro, contradicindo así toda unha tradición. Referíndose a este feito, di De la Cigoña que “existe unha corrente popular e tradicional en Cangas que lle adxudica a obra a Xosé Cerviño. Eiroa (páx. 24)  “tamén atopou xente seria e de crédito que dicían o contrario, algunhas  que incluso chegaron a tratar a Ignacio” O autor de Cerviño contra Cerviño cita un escrito de 2001: 96 onde Eiroa di: “Camilo Maquieira Solla, artista de cantería de O Xove... quien lo trató personalmente; Manuel Maquieira que fue viejo guardia municipal...; el maestro de obras e industrial D. Manuel Sotelo...” Eiroa ten que esperar case 40 anos dende a publicación do primeiro artigo (1964), para acordarse no ano 2001, de citar a tres persoeiros que xa morreran e dos que di que coñeceron a Ignacio Cerviño.  

Segundo o mesmo Eiroa afirma, a primeira vez que publicou un escrito sobre o Cruceiro de Hío, concedéndolle a súa autoría a Ignacio Cerviño Quinteiro, foi o domingo, 30 de agosto de 1964, nun artigo divulgado no Faro de Vigo,  con motivo das Festas do Cristo do Consolo. O artigo, leva por título: “El Crucero de Hío, verdadera maravilla. La obra de Cerviño en Cangas”. No artigo aparecen catro fotografías. No centro, e ocupando a parte alta e máis importante do escrito, vai unha foto do cura de Hío, Don Antonio Graña, mostrando os cachos das figuras de Adán e Eva, rotas por uns excursionistas. Na parte baixa, ocupada pola primeira columna,  leva unha fotografía do panteón de Graña Rodal, coñecido como o Ranqueta. No fondo da terceira columna vai o Cruceiro de Hío e finalmente, tamén no fondo, pero da quinta columna, leva o Matamouros a cabalo que coroa a chamada Fonte de Santiago, da vila de Cangas do Morrazo.


    

   (Ignacio C. Colexiata de Cangas. 1877)    (Ignacio C. Recibos do Cruceiro do Pego. 1859 e 60)


Neste artigo, conta Eiroa unha serie de ditos que circulaban polo Morrazo sobre a personalidade de Cerviño, que son os mesmos que a tradición popular lle atribuía a Xosé, como son a relación que este canteiro tiña co viño: “todo el vino le era bueno, con tal de que vino fuera”; “trabajaba lo mismo la piedra que la madera”; “conocía o arte de destemplar a pedra”; “No había tenido estudios”; (Ignacio Cerviño sabía ler e escribir) “no recibió más educación ni le fueron dados más dotes que los de su ingenio”. Tamén di algo da súa colleita persoal que rectificará ó cabo dos anos: “era un picapedrero más”. Pero nada di de onde sacou ou en que se fundamentou, para darlle a autoría a Ignacio, contradicindo toda unha tradición.

Co tempo, ó darse conta de que todo o que estaba a dicir, tiña que fundamentalo con “probas” e “testemuñas”, buscará unha serie de “documentos”, como veremos de seguido, uns de procedencia tan escura e dubidosa que nunca foi capaz de explicar nin dicir, en que data debemos ir investigar para cotexalo co orixinal, como é o “recorte dun periódico anterior a 1930”; outros que só proban a presenza de Ignacio Cerviño como aveciñado en Hío ou en Cangas e finalmente, un suposto “Libro de Fábrica” ou “Libro da Confraría do Cristo da Luz” que parece só viu un cura antes de 1930, (isto escrito por De la Cigoña sen ningún tipo de investigación) outro crego arredor de 1964, dito por Eiroa máis tarde, pero só de palabra, nunca por escrito e unhas “personas de toda solvencia moral y cultural”, tal e como se pode ler nas Actas do II Congreso de Cruceiros (páx. 17) que non identifica. Pero este libro ¡nunca o viu Eiroa! e ¡do que nada se sabe! nin hai ningunha referencia documental noutros libros nin noutros escritos da época. De seguido imos presentar estas tres “probas fundamentais” nas que asentou Eiroa e agora explican os seus seguidores, a teoría de que o Cruceiro de Hío é obra de Ignacio Cerviño Quinteiro. Para este pequeno traballo, baseareime case exclusivamente no libro “Cerviño contra Cerviño” de Fernández de la Cigoña, que trata de ser con esta publicación, o exéxeta dos dicires e dos escritos de Eiroa.


AS TRES PROBAS

1.- O recorte dun periódico non identificado e imposible de atopar, dunha suposta entrevista realizada por un tal C.L.V. ó Rvdo. D. Ricardo Touriño, párroco de Hío, antes de 1930.

2.- O Feito de que Ignacio Cerviño o 3 de abril de 1872 declarara en Bueu que vivía en Hío.

3.- A manifestación “oral” que seica o párroco de Hío D. Antonio Graña lle fixo a Eiroa sobre a existencia e perda dun Libro chamado da Confraría do Cristo da Luz.





  (Faro de Vigo. 30-VIII-1964)   



(Base da furna do Cristo Xacente con letra e firma de Ignacio Cerviño)



PRIMEIRA PROBA.

1.- O RECORTE DUN PERIÓDICO NON IDENTIFICADO E IMPOSIBLE DE ATOPAR, DUNHA SUPOSTA ENTREVISTA REALIZADA POR UN TAL C.L.V., Ó RVDO. DON RICARDO TOURIÑO, PÁRROCO DE HÍO, ANTES DE 1930.

Dísenos que é un recorte de prensa dunha entrevista que se lle fixo ó Rvdo. D. Ricardo Touriño, párroco de Hío, nun periódico non identificado e sen data antes de 1930, xa que ese ano morreu o Rvdo. Touriño polo que deixou de ser cura da parroquia de Hío. Este recorte é un dos piares nos que se baseaba Eiroa para concederlle a autoría do Cruceiro de Hío a Ignacio Cerviño, en contra do que dicía a tradición popular, que o autor deste Cruceiro, como xa se ten dito, foi Xosé Cerviño García, coñecido comunmente coma Pepe da Pena. Nesa entrevista, o párroco Touriño, se é el o entrevistado, decláralle a C.L.V. que o autor do Cruceiro de Hío “fue un cantero que gozó de mucha fama en Galicia, llamado Ignacio Cerviño”.

Esta nota, chamada de “prensa”, na que o suposto Rvdo. Touriño, equivocado ou non, ó dar esa información, di nos once carreiros que aparecen no libro de Cerviño contra Cerviño, (tomada de Eiroa 1996) (páx. 23) o seguinte:

quién lo ejecutó. Es de grandes di-
mensiones  y la columna y cruz con-
tienen un importante número de fi-
guras en bulto redondo y talladas
en solo dos bloques; su autor fué
un cantero que gozó de mucha fama
en Galicia llamado Ignacio Cervi-
ño. Con medios adecuados pudo ser
un buen artifice, pero no pasó de
distinguirse por una gran afición y
extraordinaria paciencia.
C. L. V.


O autor de “Cerviño contra Cerviño” di, -referíndose a esta nota- que “Don Ricardo Touriño manifesta nunha entrevista que publicou Faro de Vigo a un periodista que firmaba coas iniciais C.L.V, que o seu autor fora Ignacio Cerviño, e por aquelas datas, tanto lle daría que fora Ignacio ou Xosé, xa que non había polémica a este respecto”. Engade tamén este autor, que a “entrevista foi realizada antes de 1930”, polo tanto 20 anos antes de que Castelao publicara ‘As cruces de pedra na Galiza’. (páx. 23) Chama a atención que esta entrevista careza de data, de cabeceira, de identificación do periódico, do persoeiro entrevistado e de todo canto debe ter unha nota de prensa, para saber cando menos a súa procedencia e poder comprobar a identidade do periódico e cotexalo no arquivo ou na hemeroteca dese diario polo que nos suscita todas as dúbidas de veracidade.  

Pero como nos di De la Cigoña que apareceu publicada no Faro de Vigo (páx. 23), para asegurarme da veracidade desta entrevista, fun ás oficinas que este diario ten en Vigo en varias ocasións, onde me informaron que teñen todos os xornais dixitalizados dende a súa fundación, polo que sería posible dar coa citada entrevista. As procuras no ordenador non as realicei eu persoalmente senón que foi sempre algún traballador de Faro de Vigo, ós que lle agradezo o tempo e a paciencia que tiveron comigo e con tódolos meus interrogantes. Despois de buscar de tódalas maneiras posibles e facer un exhaustivo varrido dende o ano 1860 ata finais de 1930, non apareceu a citada entrevista na que o párroco de Hío, Don Ricardo Touriño ou outro persoeiro calquera, lle fai esas declaracións a C.L.V.. Nin apareceu citado o nome de Ignacio Cerviño como autor do Cruceiro de Hío nin por outro motivo alleo a este feito. Nin sequera apareceu por esas datas nin por outras, o periodista que firma coas iniciais de C.L.V. Como se trata de trebellos moi complicados e ás veces, ata caprichosos, deixei pasar un tempo e volvín a insistir de novo en varias ocasións por ver se lograba dar coa citada entrevista, volvendo a insistir no mesmo. Despois de fracasar de novo no intento, non quero dicir que non estea alí o nome de Ignacio Cerviño. O único que quero dicir, é que non foi posible dar con el, polo que lle pido ó señor de la Cigoña, que di que se publicou no Faro de Vigo (páx. 23) que nos informe da data, se foi el quen de facer esa comprobación e non foi un simple “auto de fe” na palabra de Eiroa, como parece que así debeu acontecer, xa que non dá, como se adoita dicir, “sinales de vida”.

Agora ben, o nome do párroco de Hío D. Ricardo Touriño aparece no Faro de Vigo o día 14 de febreiro de 1914 ó ser nomeado ecónomo de Hío;  24-11-de 1924; o 23-6 de 1925; o 23-3 de 1928; o 9-2 de 1930; o 18 do 5 de 1930; o 4 do 6 de 1930; o 5 do 6 de 1930 onde se di que faleceu despois dunha operación en Santiago e finalmente unha nota necrolóxica (esquela) o día 6 do 6 de 1930 na que se di que faleceu o día 3 dese mesmo mes e na que dan as grazas os seus familiares por haber asistido ó funeral, pero en ningunhas ocasión se fai referencia algunha deste cura con Ignacio Cerviño.

De todos modos hai que dicir que no cacho de entrevista que se publica, non aparecen, nin o nome do cura Touriño, nin se fai alusión algunha a que o nome de Ignacio estaba escrito no Libro de Fábrica ou nalgún outro libro. Esa falta quérea salvar De la Cigoña dicindo: “...Porque este sacerdote si tiña naquel tempo, no seu poder o ‘Libro de Fábrica’ da parroquial do Hío, polo que sabía perfectamente o que dicía, xa que o lera nas súas páxinas manuscritas”. (páx. 23) Como se pode comprobar, isto último é unha explicación catequética do recorte de Eiroa por parte de De la Cigoña, que se converte no seu exéxeta e intérprete, para tratar de abrirlle os ollos ós catecúmenos. Ou dito doutro xeito, é a interpretación necesaria e a explicación “ad hoc” realizada por De la Cigoña do que dicía Eiroa, e do que “debía pensar o cura se falara”, que non ten nin un ápice de investigación porque non é capaz de dicirnos en que día e en que ano saíu publicada esa nota de prensa, senón que temos que crer nela coma se se tratara dun auto de fe. Eiroa e Fernández Sotelo dirán, como veremos máis adiante, que o Libro, non era o de Fábrica, senón o da Confraría do Santo Cristo da Luz, (Eiroa. Actas do II Congreso. Pás. 17) porque o Libro de Fábrica desa época, si está na Reitoral de Hío, por máis que De la Cigoña se empeñe en afirmar o contrario, dicindo, como veremos tamén máis adiante, que llo prestou o cura Graña González (substituto do Rvdo. Touriño) ó que foi alcalde de Bueu, D. Xosé Mª Massó.    

Moi en contra do que manifesta De la Cigoña, referíndose a esta proba e ás dúas que veremos de seguido, “que non admiten discusión posible e non hai máis que acatalas como verdades de fe”, (páx. 23) debo dicir, que con todas estas carencias e por encima, con esta petición de fe, non é posible admitir esta nota como proba, pois considero que é preciso que se saiba de onde procede esta entrevista, en que periódico se fixo, en que data, que razóns dá o entrevistado para facer tal afirmación etc., porque con esta presentación non se lle pode dar creto algún, xa que carece de toda consistencia polo que coido que nin é nota de prensa nin serve como tal.

Non sei, porque en ningún sitio se di, ou polo menos eu non o atopei, polo que carecemos desa información, de como lle chegou a Eiroa este “recorte de prense”. Pero presentalo coma unha proba irrefutable e dicir “que non admite discusión posible e non hai máis que acatalas como verdades de fe” paréceme un atrevemento tan grande que non merece nin comentarios.  

Como xa indiquei máis arriba, di De la Cigoña que “foi recollida no xornal Faro de Vigo”. Cumpre que este autor nos diga exactamente en que data temos que ir investigar para poder comprobar a veracidade da mesma. De non ser así, esta entrevista suscítame a seguinte pregunta: é verdadeiro este recorte de prensa que contén o que lle chaman unha entrevista ou é unha montaxe de Eiroa? Porque vista así, esta suposta entrevista ou nota de prensa ou como se lle queira chamar, tendo en conta que Eiroa foi Correspondente do Faro de Vigo durante moitos anos, ten todos os visos de ser unha montaxe do autor, xa que é moi sinxelo facer na redacción dun periódico unha nota deste tipo para logo recortala totalmente, e deste xeito, non poder facer ningunha investigación para comprobar tan sequera a data, coa que ter polo menos, a certeza da súa publicación. Ademais hai algo nesta nota que é moi propio de Eiroa: cando fai unha cita, pon sempre o nome dos autores só coas iniciais, en vez de poñer os apelidos e o nome con todas as letras. Ver no Libro de Actas do II Congreso, páxinas da 15 á 21. É o mesmo sistema que atopamos aquí: C.L.V. Ademais, tampouco se atopou en Faro de Vigo, por esas datas nin por outras, ningún periodista que firmara con tales iniciais nin que se corresponda con elas. Polo tanto, teño que dicir que de non aparecer esta nota chamada de prense no diario no que foi publicada, considero que é FALSA, polo que lle pido ós seus defensores, que nos digan onde se atopa. 
con

  (Ignacio Cerviño. Cruz do Cruceiro do Pego)        
  (Ignacio Cerviño. Cruceiro do Pego)



SEGUNDA PROBA.

2.- A PRESENZA DE IGNACIO CERVIÑO EN HÍO NO ANO 1872

En primeiro lugar hai que saber e  ten que quedar moi claro que o Cruceiro de Hío non ten data. A data que dan por boa autores que trataron este tema como poden ser Eiro, De la Cigoña, Fernández Sotelo e outros, é a do ano 1872. Pero esta data, como se acaba de dicir, non está no cruceiro, senón nunha peza exenta, situada á beira do cruceiro. Polo tanto, o Cruceiro de Hío, non ten data! E se algunha vez a tivo, borrouse. Posiblemente, esta peza exenta sexa posterior ó cruceiro, porque é un peto de esmolas, no que depositar cartos para o Cristo da Luz pero isto, non deixa de ser unha suposición miña.

Tampouco axudan nada a esclarecer este feito as dúas referencias que hai sobre o Cristo do Adro no Libro de Fábrica da parroquia de San Andrés de Hío, que en contra do que di De la Cigoña, como xa se dixo, si que está na reitoral desa parroquia, e como veremos, consultou Eiroa. O Libro de Fábrica, no folio 130 v. di o seguinte: “Cuenta rendida por D. Juan Manuel Míguez, Cura párroco de San Andrés de Hío de las cantidades percibidas para culto de esta iglesia durante los años de sesenta y cinco, sesenta y seis, sesenta y siete, sesenta y ocho, sesenta y nueve, setenta, setenta y uno, setenta y dos, setenta y tres y setenta y cuatro”.

CARGO. Sinálanse varias partidas e no folio 131 v. di:  “Tres mil trescientos treinta y dos reales importe de los muros que se hicieron con motivo de la variación que se le dió al atrio para la colocación del Santo Cristo.-------------------- 3332”.

Na páxina 132 pódese ler: “Cuenta que rinde Francisco Javier Piñeiro como mayordomo fabriquero en los años de mil ochocientos sesenta y cinco, sesenta y seis, sesenta y siete, sesenta y ocho, sesenta y nueve, setenta, setenta y uno, setenta y dos, setenta y tres, setenta y cuatro, ambos incluídos...”

DATA: “La es la cantidad de cinco mil trescientos cincuenta y dos reales gastados en los diez años en aceite, cera, hostias y utensilios que son por cuenta del fabriquero, según costumbre.... 5352. Yten setecientos reales que entregó para ayuda del Santo Cristo del Atrio.--------------- 700”. (páx. 132) Como se pode apreciar, en ningún momento se especifica en que data se entregaron eses cartos, tanto para os muros como para a axuda do Santo Cristo do Adro.

Polo tanto, o ano en que se fixo o Cruceiro do Cristo de Hío si admite dúbidas. O que non admite dúbidas é o peto de esmolas, coroado por un anxo que ten unha lenda que reza así: LIMOSNA PARA EL SANTÍSIMO CRISTO DE LA LUZ 1872.

Á vista de todo isto hai que dicir que o feito de que o 3 de abril de 1872  Ignacio Cerviño Quinteiro asignara diante do xuíz municipal e do secretario de Bueu un documento (Rexistro Civil de Bueu. Tomo 3, Sec. 1ª. Nº. de Inscrición 106. Fols. 66-66v) co obxecto de inscribir no Rexistro Civil dese concello a unha nena que era súa filla, declarando que era casado, escultor, natural de Augasantas e veciño do Igrexario do Hío e que ese mesmo ano a súa muller Josefa Linares y Costa, non costureira (páx. 24) de profesión, como di de la Cigoña, senón “dedicada a las ocupaciones de su seso” dera a luz unha filla que lle puxeron por nome María del Carmen Remedios. (páx. 24) Este feito, repito, non é concluínte de que estivera alí para facer ou estivera facendo o cruceiro, nin outro traballo calquera porque non se fai ningunha referencia a nada, senón que simplemente di, que era veciño do lugar do Igrexario, parroquia de Hío. Sería concluínte se dixera que estaba domiciliado en Hío porque estaba a facer alí o cruceiro. En contra do que din os seus promotores, non se pode demostrar outra cousa nin ir máis alá do que o mesmo documento di: que era escultor e que vivía coa súa familia no lugar do Igrexario, parroquia de Hío.

Debemos sinalar tamén que, tres meses e medio máis tarde, é dicir,  o día 20 de xullo dese mesmo ano de 1872, Ignacio Cerviño declara no Rexistro Civil de Cangas diante do xuíz municipal D. Xosé Rodríguez e do secretario D. Pedro Nolasco Canda (R.C. de Cangas Número 117) que era escultor e que estaba domiciliado na rúa do Loureiro da vila de Cangas que foi onde lle morreu a súa filla María del Carmen Remedios, de tres meses e medio de idade, o día anterior, ás dúas da tarde.

Como acabamos de ver, o Libro de Fábrica da parroquia de Hío, que está no Arquivo Parroquial, non aclara absolutamente nada con relación ó ano no que se tomaron esas partidas para o cruceiro do Adro e as estancias de Ignacio en Hío e Cangas, tampouco. O único que sabemos que o 3 de abril de 1872 declara que era veciño do Igrexario de Hío e tres meses e medio máis tarde di que vivía coa súa muller na rúa do Loureiro na vila de Cangas onde morrera a súa fila María do Carme Remedios.

De momento, con estes datos, non se pode ir máis lonxe do que estes mesmos datos din. Podemos facernos moitas preguntas: -Canto tempo levaba Ignacio Cerviño aveciñado en Hío? Cando se foi para Cangas? Por que se foi de Hío?, e así ata cansarnos pero, con estes datos, todas as respostas que deamos non deixarán de ser simples suposicións e aquí tratamos de facer un traballo de investigación. Que quede ben claro: un traballo de investigación.

Porque o feito de que unha persoa, neste caso un canteiro, nun tempo estea aveciñado nun lugar determinado, non é razón suficiente para non poder realizar un traballo noutro sitio distinto. Sen ir máis lonxe, o mesmo Ignacio Cerviño, nos anos 1890-91 estaba aveciñado en Ponteareas como se nos di nunha demanda, sen embargo, por esas mesmas datas, andaba a realizar en Cangas a fonte de Santiago e outros traballos máis para poder levar a auga a esa fonte. Sabemos que isto é así porque nesta demanda que presentou Don José Rey Suárez no nome de D. Perfecto Labandeira Soliño, di no número 6º dos “Hechos”: “Es de notar que esa nueva galería fue dirigida y construida no por una persona perita, sino por un cantero llamado Ygnacio Cerviño, vecino del partido judicial de Puenteareas a Cañiza, persona incompetente y de la cual no se puede suponer la pericia, el acierto y la fortuna necesaria para conseguir...” (Arquivo Municipal de Cangas. Contestación á Demanda do Concello de Cangas. 14 de junio de 1891) Por iso, o feito da veciñanza nun lugar, non indica máis co que indica: que estaba aveciñado alí polo que considero que con esta “proba” así sola, no se pode concluír máis do que di o documento que a contén. De Ignacio Cerviño aparecen bastantes datos da súa veciñanza en distintos lugares e por diversos motivos. Un dos máis socorridos é debido ó feito, de que andaba acompañado da súa familia. Por este motivo, ó nacerlle un rapaz, ou falecer, tiña a obriga de inscribilo e notificar o feito no rexistro do concello onde se atopaba, como sucedeu no caso de Hío, daquela pertencente ó concello de Bueu ou posteriormente, en Cangas.





(Ignacio C. Baldaquino do panteón de Cerdedo)  (Ignacio C. San Isidro Labrador. Panteón de Cerdedo)



TERCEIRA PROBA.

3.- A MANIFESTACIÓN   “O R A L”  QUE SEICA O PARROCO DE HÍO D. ANTONIO GRAÑA GONZÁLEZ LLE FIXO A EIROA SOBRE A EXISTENCIA E PERDA DUN LIBRO CHAMADO DA CONFRARÍA DO CRISTO DA LUZ. (Páx. 24)

Cóntanos o autor de ‘Cerviño contra Cerviño’, que “no ano 1964 o cura de Hío, D. Antonio Graña González, manifestoulle “VERBALMENTE” a Eugenio Eiroa Hermo”, (Hai que reseñar que no artigo que publicou ese ano non fai ningunha referencia a este feito, e eu descoñezo outra publicación distinta da que nese ano fixo Eiroa no Faro. Tamén descoñezo calquera publicación feita por Eiroa sobre este tema, anterior a 1999, nove anos despois da morte do Rvdo. Graña González). Volvendo ó inicio: “que el tivo nas mans o citado libro, (refírese ó Libro de Fábrica da parroquial de Hío) (páx. 24) que herdara do cura anterior (o señor Touriño) no que viu cos seus propios ollos que o autor do cruceiro do Cristo da Luz foi Ignacio Cerviño Quinteiro”. (páx. 24) Di que este parágrafo está tomado de Eiroa Hermo 1964. Compre que nos diga De la Cigoña  a onde hai que ir consultar este escrito de 1964 porque, como xa se dixo, no artigo dese ano que saíu publicado no Faro de Vigo non fai referencia ningunha a este feito e contradí o que afirmou ó inicio, onde di que a información que lle deu o cura foi “verbal”.  E segue dicindo: “Que el, e soamente el, se consideraba responsable da súa perda, pois prestoullo de boa fe a Xosé María Massó, por aquel tempo alcalde de Bueu na época de Franco, e todopoderoso cacique no Morrazo, ó que ningún requirimento se lle podía negar e nunca o devolveu”. De la Cigoña remata así: “Naquel libro si constaba a paternidade de Ignacio como artífice do cruceiro do desencravo, como ben manifesta o cura”. (páx. 24)

É tanta a necesidade de probar o que non dá probado, que este autor (De la Cigoña) dá como  proba argumental contundente un “dixo Eiroa que lle dixera O Cura” coma se dun documento contrastado se tratara. A este respecto o mesmo Eiroa dá como argumento e proba contundente a seguinte xenialidade: “quienes tuvieron en su poder el libro de fábrica de la Cofradía del Cristo de la Luz sostuvieron siempre que quien realizó el Crucero fue precisamente Ignacio. Nadie mejor que ellos podían decirlo, y no eran personas cualquiera, sino que de toda solvencia moral y cultural”. (Actas do II congreso, páx. 17) Non sabemos quen son esas “persoas de toda solvencia moral e cultural” dos que nos fala Eiroa, porque non lles pon nin nome nin nos dá referencia algunha a onde poidamos ir comprobar o efecto que lles produciu o feito de ter no seu poder ese libro. Hai que dicir que nin sequera el mesmo foi quen de ver o nome de Ignacio Cerviño escrito no mencionado Libro da Confraría do Cristo da Luz. Non sabemos cando Eiroa empezou a “contar” por primeira vez que o cura Graña prestara o libro, porque todo era “verbal”. O que si sabemos é que nese ano de 1964, estando o cura presente non fai ningunha referencia a ese libro nin a que o nome de Ignacio estaba escrito nel, nin que o cura lle contara algún detalle sobre Ignacio Cerviño.

Unha forma de saír dun atranco cando se precisa unha proba e non se atopa documentación é a de recorrer a un morto que o contou ou a un libro que ardeu ou a un documento que desapareceu porque o roubaron ou se prestou. Aquí estásenos pedindo, non que creamos na palabra do cura D. Antonio Graña, que non dixo nada en público a este respecto, que se saiba, senón na palabra de Eiroa que fala por boca do cura, tempo despois de que este morrera, cando sabemos que Eiroa, a este respecto, tiña uns intereses moi dirixidos, polo que este argumento suscita tódalas dúbidas e preguntas para que se puidera crer na existencia de tal libro.

    ¿Por que cando o cura estaba vivo non escribiu nada sobre a existencia dese libro nin do que dicía, senón que ten que esperar a que estivera morto para dicir que lle dixera D. Antonio Graña que o nome de Ignacio Cerviño estaba escrito nese libro como autor do Cruceiro de Hío?

     ¿En todos eses anos que hai entre a suposta entrevista de Touriño (antes de 1930) e a desaparición do Libro, (supostamente en 1964) non tivo tempo de consultalo el mesmo? e dese xeito xa non tería que recorrer a terceiras persoas para dicir que fora Ignacio o que fixera o cruceiro de Hío?

   ¿Por que cando estaba o cura vivo non o entrevistou el para que lle dixera que o autor fora Ignacio Cerviño, porque o vira el escrito nese tal Libro da Confraría do Cristo da Luz? Pois non sería por falta de tempo, xa que Graña González foi cura de Hío dende 1931 a 1981.

¿Como se pode entender que antes de que o cura de Hío lle prestara supostamente á Massó o libro da Confraría do Cristo da Luz, e este libro desaparecera da face da terra, non houbera ningún cura, ningún interesado, ou como di Eiroa, ningunha “persoa de toda solvencia moral e cultural” que, con nome propio, despois de case un século de existencia, fixera público, fundamentado nese libro, que Ignacio Cerviño fora o autor do cruceiro de Hío?



Á vista destes dicires, parece que en case 100 anos de existencia do Cruceiro de Hío, os únicos seres humanos que viron o nome de Ignacio Cerviño escrito nese libro como autor do Cruceiro de Hío foi D. Antonio Graña, que nunca dixo nada en público, senón que falan no seu nome Eiroa, Fernández Sotelo e De la Cigoña e unhas  persoas “de toda solvencia moral e cultural”, que escribe Eiroa, pero sen nomes nin apelidos. Porque o “suposto Touriño da entrevista”, non di de onde procede a súa afirmación.

A miña pregunta é a seguinte: ¿Existiu un Libro de Fábrica distinto do que consultou Eiroa no ano 1964 do que nos dá uns cantos datos no artigo?

Nese artigo do 30 de agosto de 1964, que De la Cigoña exhibe como punto de partida e proba “irrefutable”, Eiroa Ermo, autor dese traballo, ó referirse á lenda que leva no pé o cruceiro di: “las inscripciones que allí grabó Cerviño están a punto de desaparecer, pidiendo a gritos el clásico tratamiento de la cera. Gracias a estas inscripciones pudimos saber algo, que ya muchos parecen ignorar”.... Un pouco máis adiante engade:  “Fue hecha esta obra siendo abad el señor...”. Despois engade o articulista: “Debió de ser D. Juan Manuel Miguez, pues en las cuentas de los años 1865 a 1874, que él mismo presentó, aparecen consignados 3332 reales, importe de los muros que se hicieron con motivo de la variación que se le dió al atrio para la colocación del Santo Cristo” E máis adiante engade: “Las cuentas que el fabriquero Francisco Javier Piñeiro rindió por la misma temporada (1865-1874) comprenden a una partida  de 700 reales que el mismo entregó para ayuda del Santo Cristo del Atrio, lo cual dejó a la Iglesia en deuda con aquel, a quien el arzobispo no dejó de reprender por rendir tantas cuentas”. De seguido, o articulista fala do peto de esmolas que está á beira do cruceiro e da súa lenda: “Limosna para el Santo Cristo de la Luz. Año 1872”. Como se pode apreciar aquí, e dito por Eiroa, este autor, ¡si consultou o Libro de Fábrica! Pois este é o Libro de Contas onde se inscribiron os gastos do Cruceiro. De haber existido outro libro máis como sería ese que Eiroa chama da Confraría do Cristo da Luz, para as contas do cruceiro, con toda seguridade se houbera sinalado aquí, facendo saber que había outros gastos distintos dos que estaban anotados no libro parroquial de Fábrica.



(Ignacio Cerviño. Retablo de Areas. A Presentación)



Como se pode ver, Eiroa reflicte o que di o libro de fábrica, e nada máis, porque non había outro libro, porque el mesmo fala do Fabriqueiro e dos gastos que se xeraron por certos traballos relacionados co cruceiro. Do que non fala o articulista Eiroa é do autor do cruceiro porque nada di sobre el o libro de Fábrica. Dá a impresión que nese intre, Eiroa pensaba que ninguén lle poría obxeccións  nin trataría de polemizar sobre o autor do Cruceiro, pois o simple feito de publicalo no Faro de Vigo, sería motivo máis ca suficiente para que Ignacio Cerviño fora admitido por todo o mundo, sen máis, como autor do Cruceiro de Hío como se dera por bo ata aquela data, sen que ninguén o cuestionase, que fora Xosé Cerviño o que o fixera. Vai ser de aquí en diante e pouco a pouco, ó empezar a poñerlle obxeccións, cando empece tamén el a buscar e a tratar de mostrar con estas “probas”, que como vemos, chegan sempre despois de que morreran as persoas que sabían, que fora Ignacio o que o fixera ou que viran o seu nome escrito en algures.





(Ignacio Cerviño. Imaxes da Mesa da Última Cea. Colexiata de Cangas)


Aínda así, tratei de buscalo nun lugar, que de haber existido, debera estear alí. Despois de saber que Xosé María Massó García, na compaña do seu irmán Gaspar, deixaron un Museo na vila de Bueu no que se conservan algúns documentos anteriores ó descubrimento de América, algúns deles relacionados coa compra e venda de escravos, sobre todo por terras de Castela; gran cantidade de libros vellos, cartas mariñas, decretos de navegación, réplicas de navíos de guerra e de pesca e outros trebellos relacionados con esta actividade, pareceume que era obrigado facerlle unha visita a ese museo porque, sendo certo que o cura Graña González lle prestara o libro de fábrica relacionado co Cruceiro de Hío ó señor Massó, podía ser posible, dada a afección que este home e a súa familia tiñan por todo tipo de documentos antigos, que estivera alí conservado. Presenteime no museo Massó, propiedade actualmente da Xunta de Galicia, o día 14 de xaneiro do ano 2014 para ver se era posible que me deran alí noticias dese libro. Dirixinme á directora dicíndolle que podía ser, que no ano 1964, o cura de Hío, D. Antonio Graña González, lle prestara un Libro no que se falaba do Cruceiro de Hío e do seu autor ou autores, a D. José María Massó. Ese libro, dependendo un pouco dos autores que o citan como fonte de coñecemento da realización do Cruceiro de Hío, levaría por título:

- Libro de Fábrica de la Cofradía del Santo Cristo de la Luz,

- Libro de la Cofradía del Santísimo Cristo de la Luz,

- Cofradía del Santísimo Cristo de la Luz. 

   Tamén puidera chamarse: - Libro de Fábrica de la parroquia de Hío ou - Libro de Fábrica de la Parroquia de San Andrés de Hío. Díxenlle tamén que o citado libro, podería estar encadrado na segunda metade do século XIX xa que o Cruceiro, segundo se pode ler no Libro de Fábrica da Parroquia de San Andrés de Hío, debeuse realizar entre os anos 1865 e 1874. Se fora o Libro de Fábrica da Parroquia, cabía a posibilidade de que empezara anos antes da data arriba sinalada. 

SOLICITO

1.- Que se me diga se existe nesa biblioteca-museo un libro no que se escriba sobre o cruceiro de Hío e da súa feitura.

2.- Se nese libro aparece o nome do autor ou autores que realizaron esa obra magnífica, como é o Cruceiro de Hío.

3.- No caso de que exista ese documento, poder comprobar o contido no referente ó autor ou autores do cruceiro e a posibilidade de realizar fotocopia do texto no que se faga referencia ó autor ou autores do Cruceiro de Hío. 

O mesmo día, 14 de xaneiro a directora informoume que non había ningún libro catalogado con ese nome nin que tratara sobre o tema do Cruceiro de Hío. Neste informe díxome que hai varios documentos sen catalogar pero que os tiña repasado todos e  en ningún deles había a información que eu solicitaba. Debo dicir que o Museo Massó, o seu arquivo e a súa biblioteca están a disposición de quen queira preguntar e investigar sobre este detalle.

Por aquilo de que D. Xosé María Massó foi alcalde de Bueu, e unha vez que estaba nesa vila, achegueime ó concello solicitando poder entrevistarme co arquiveiro. Na mesa de información remitíronme ó Arquivo Municipal que está nunha casa que o concello de Bueu ten para este efecto na parroquia de Cela, moi preto de igrexa románica de Santa María. Atendeume o arquiveiro D. Belarmino Barreiro Rosales quen me informou que non hai nese arquivo municipal ningún libro que trate sobre a Confraría do Santo Cristo da Luz nin nada relacionado co Cruceiro de Hío.

Pois ben, hai que dicir  que con relación ó suposto Libro da Confraría do Cristo da Luz: non hai unha soa referencia nos libros parroquiais nin en ningún documento, nin sequera nos escritos de Eiroa anteriores á morte do cura, nin nada que poida demostrar que tal libro existiu polo que hai que poñer en entredito a palabra de Eiroa xa que este home, e neste caso concreto, parece que ten todos os visos de que non se comportou como un investigador senón coma un “fabulador” que se inventou un Libro co único propósito de concederlle a autoría  do cruceiro de Hío a Ignacio polo que lanzou o bulo da existencia dun suposto libro chamado da Confraría do Cristo da Luz no que por suposto, se falaría do autor do Cruceiro e se diría que  era Ignacio, o seu autor, facendo público isto, despois de que xa tiña morto Graña González, que segundo Eiroa, foi o que prestou o mencionado libro. 

Para min, tanto o invento do libro de Fábrica da Confraría do Cristo da Luz, como o da entrevista de C.L.V. nun periódico non identificado, coido que foi xurdindo co tempo, despois de que Eiroa descubrira que a Fonte da Colexiata de Cangas que está coroada por un Santiago Matamouros, lle fora contratada polo concello de Cangas a Ignacio Cerviño. Unha forma de darlle prestixio, no só  á fonte, senón ós monumentos de Cangas e ós que hai nos arredores, era concederlle a ese mesmo autor, a feitura do Cruceiro de Hío. Como do autor do Cruceiro de Hío non atopou documento ningún, non se lle ocorreu  mellores cousas ca inventarse co tempo un Libro de Fábrica dunha Confraría e unha suposta entrevista a un cura que xa morrera. Porque, como se pode comprobar, a primeira proba, que é a nota dun periódico, “xorde” despois da morte dun cura e a terceira, despois de que se perdeu un libro do que nada hai escrito ata despois de que morrera tamén outro cura, que segundo o autor deste “invento”, foron os únicos que viron tal libro, ademais das “persoas de toda solvencia moral e cultural”, que sinalamos máis arriba.


   

   












(Ignacio Cerviño. San Xoán Evanxelista)         (Ignacio Cerviño. Xesús coa cruz)



   Todos os argumentos que se dan son sempre a posteriori; ou ben, despois de que morrera a persoa que o sabía, ou desaparecera o libro que contiña as necesarias confirmacións, polo que considero que todas estas “probas” que nos deron son unha verdadeira “tomadura de pelo”. Teño que dicir, que nas miñas pescudas sobre o recorte do Faro de Vigo e a do Libro da Confraría do Cristo da Luz, sentinme estafado, burlado, enganado e perdendo o tempo nas “ocorrencias” dunha persoa que por teimar nunha idea imposible, por ser falsa e sen fundamentos, fíxome cachear en arquivos, buscando unha mentira. Neste senso, os seus discípulos, son moito máis eficaces, xa que consideran estas teorías como artigos de fe e cren nelas sen necesidade de sometelas a probas empíricas para comprobar a veracidade das mesmas.





  















(Ignacio Cerviño. A Madalena)  Ignacio Cerviño. Francisquiño das Ferramentas)


Á vista destas consideracións penso que para ir desmontando todas estas “FANTASÍAS” que foi tecendo Eiroa e agora seguen a manter os seguidores das súas teses, simplemente con palabras, sen aportar un DOCUMENTO QUE AS ACREDITE, considero que sería necesario realizar unha investigacións exhaustiva  por parte de críticos de arte, cualificados e independentes,  que estuden e comparen se o autor do Santiago Matamouros  da Fonte da Colexiata de Cangas, o San Isidro do Panteón de Cerdedo, o Cruceiro da ermida de Nosa Señora do Pego, as imaxes da Mesa da Última Cea, o Cristo Articulado do Desencravo, as imaxes da Madalena, a Verónica, o Francisquiño da Ferramenta e algunha máis, igualmente, na colexiata de Cangas e as imaxes do retablo das Sete Dores da Virxe, na igrexa de Santa María de Areas, das que sabemos documentalmente que pertencen a Ignacio Cerviño, DETERMINEN SE  PERTENCEN Ó  MESMO AUTOR QUE FIXO O CRUCEIRO DE HÍO, O PANTEÓN DO RANQUETA, O CRUCEIRO DE COVELO E O PAXE DA FONTE DO CRISTO DE PORRIÑO. Porque as obras que sinalabamos arriba, sobre todo as exentas, coñecidas tamén coma de “vulto redondo”, e que sabemos documentalmente que pertencen a Ignacio Cerviño, son tecnicamente inferiores e con moita diferenza, das do AUTOR do Cruceiro de Hío, do Panteón de Ranqueta, do Cruceiro de Covelo e do Paxe da Fonte do Cristo de Porriño, por sinalar algunhas. A técnica do autor destas catro últimas obras que sinalamos, está a anos luz, da técnica das obras que sabemos documentalmente que son de Ignacio Cerviño. Ignacio Cerviño foi un excelente canteiro. O seu problema grave como escultor, reside sobre todo, nas imaxes exentas, xa que mostran gran rixidez, excesiva desproporción, carencia de expresividade, falta de movemento e en moitas ocasións, remates inacabados, que os seus defensores argumentan dicindo que era, porque ían ser policromadas.

 Ós que traballamos e investigamos sobre este “sainete”, só nos queda por ver a “parusía” do Libro da Confraría do Cristo da Luz, que seguramente algún día o fará regresar do mundo da fantasía, convertido en realidade tanxible, algún dos seus discípulos. Polo que penso e espero, que este libro se manifeste con todo o seu esplendor e gloria en algún arquivo despois de haber pasado polo limbo dos anxiños por non ter recibido a auga do bautismo de mans do Rvdo. Graña González antes de este lle entregara a criatura, ó todopoderoso Massó que non tivo a ben, inscribilo no rexistro dos bautizados. Aínda así, ó non ter culpa a criatura, os deuses apiadaranse del e devolverano á vida, san e salvo para gloria de Ignacio Cerviño e dos que o consideran pai do que non foi.
 

(Ignacio Cerviño. Xesús coa Cruz. Parte posterior)  

Ignacio Cerviño. A Verónica
Debo dicir que no muro do adro de San Andrés de Hío, hai unha placa de bronce na que se di que Ignacio Cerviño foi o autor dese cruceiro. Ó meu entender, esa placa é un insulto ó bo facer doutro canteiro e está fundamentada sobre unhas probas máis ca sospeitas, creadas por unha persoa que nunca puido demostrar que eran certas, polo tanto, por honradez humana, sería conveniente retirala, mentres non se teña a lo menos, unha proba de certeza contrastada e irrefutable.   



  (Xosé Cerviño. Pepe da Pena. Cruceiro de Covelo)



        (Xosé Cerviño. Pepe da Pena. Cruceiro de Hío)





Xesús Antonio Gulías Lamas

Santa María de Beariz de Montes, Novembro de 2014.


No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada