TRES
FALSOS PIARES NOS QUE ALGÚNS AUTORES
SE
APOIAN PARA CONCEDERLLE A IGNACIO CERVIÑO QUINTEIRO
A
AUTORÍA DO CRUCEIRO DE HÍO EN
CONTRA DO QUE DI A TRADICIÓN, QUE FOI PEPE DA PENA O QUE O FIXO
Xesús Antonio Gulías Lamas
Despois
de ter lido con detención o libro que leva por título “Cerviño contra Cerviño”
do amigo Estanislao F. de la Cigoña, que na súa primeira páxina di nun
entrecomillado, tomado do Pregón das Festas do Sto. Cristo da Luz de Hío, 1999,
escrito por Emilio Alfonso Fernández Sotelo o seguinte: “Es el momento de
recordar y agradecer el trabajo de investigación de D. Eugenio Eiroa Hermo, que
con tenacidad, criterio recto y documentación precisa demostró que Ignacio
Cerviño fue el autor del grupo escultórico del Sto. Cristo de la Luz”, despois
de ler estas palabras tan contundentes, repito, pensei que esa “documentación
precisa” da que nos fala o cura de Hío, sairía a relucir ó longo das páxinas deste
libro. Teño que dicir que a miña frustración foi maiúscula, porque en vez de
ser páxinas dun libro, que eu esperaba de comprobacións documentais precisas, como
se nos di no “introito” que acabo de sinalar, resultaron ser páxinas de
recomendacións para unhas crenzas no que non vimos nós, nin o que as escribiu, nin
sequera o que as propagou, pois chégasenos a dicir que as tres probas que se
van presentar “non admiten discusión posible e non hai máis que acatalas como
verdades de fe”. (páx. 23) Outras páxinas están dedicadas a obras documentadas
de Ignacio Cerviño e noutras moitas, trata de concederlle a este escultor, obras sen ningún
tipo de proba documental nin estilista.
Debo dicir que non teño nada en contra de ningún canteiro e menos de Ignacio Cerviño por quen sinto certa admiración, non só pola enorme cantidade das obras documentadas que deixou, aínda que considero que moitas delas teñen importantes carencias artísticas e moi mellorables, pero sobre todo, porque foi deixando por onde pasou, un rastro considerable de documentos e firmas, cousa atípica, entre os canteiros de Galicia, empezando polo Mestre Mateo. Admiro tamén neste home, o bo concepto que tiña de si mesmo, xa que se declara “escultor”, algo similar ó que fai o seu coetáneo González Perdiz, que se chamaba “maestro”. Son dous casos raros no mundo dos canteiros, xunto con Argibai, o autor do cruceiro de Maceira, quen tamén se chamaba a si mesmo, “maestro”. Non teño nada persoal en contra de Eiroa, ó que non coñecín persoalmente e do que lin a primeira vez, e por casualidade, un artigo que viña publicado no Faro de Vigo sobre o Cruceiro de Hío; outro artigo, tamén publicado nese mesmo diario con data do 30 de agosto de 1964; algún artigo máis, igualmente publicado no Faro sobre o mesmo cruceiro e finalmente, os dous artigos publicados no I e II Libro de Actas de esta Asociación. Non teño nada persoal en contra do amigo De la Cigoña, autor do libro que leva por título: “Cerviño contra Cerviño”, e por suposto, non teño nada en contra do Rvdo. Fernández Sotelo, actual párroco de Hío, ós que aquí sacarei a colación. Digo isto, porque a miña crítica está dirixida única e exclusivamente ás “probas” empregadas por estes autores para concederlle a autoría do Cruceiro de Hío e de algúns monumentos máis a Ignacio Cerviño, baseándose en meras sospeitas e probas sen ningún rigor documental, simplemente, moitas delas, como é o caso que nos ocupa, pola beleza e grandiosidade do monumento.
O
Cruceiro de Hío, que non é propiamente un cruceiro, no senso máis tradicional, senón
un “desencravo”, aínda que é coñecido por propios e alleos coma cruceiro, é sen
dúbida, un dos máis fermosos e fantásticos de Galicia. Este cruceiro, atribuíselle
dende sempre, a un canteiro excepcional que se chamaba Xosé Cerviño García, que
naceu no lugar da Pena, parroquia de Santa María de Augasantas, no concello pontevedrés
de Cotobade o día 23 de maio de 1843 e morreu na súa casa da Pena o 4 de
xaneiro de 1922, á idade de 79 anos. Os seus restos repousan no nicho central
do panteón da súa propiedade, situado na parte oriental do cemiterio de Santa
María de Augasantas, case enfronte do testeiro da monumental igrexa desta
parroquia.
A falla de documentos escritos da época da
construción deste cruceiro, levaron a Eugenio Eiroa Hermo, que foi corresponsal
do Faro de Vigo en Cangase e tamén “oficial maior” dese concello ó que pertence
na actualidade a parroquia de Hío, a concederlle a autoría do mesmo a outro
canteiro, coetáneo de Xosé e nacido na mesma parroquia de Augasantas, aínda que
no lugar de Peroselo, chamado Ignacio Cerviño Quinteiro, contradicindo así toda
unha tradición. Referíndose a este feito, di De la Cigoña que “existe unha
corrente popular e tradicional en Cangas que lle adxudica a obra a Xosé
Cerviño. Eiroa (páx. 24) “tamén atopou
xente seria e de crédito que dicían o contrario, algunhas que incluso chegaron a tratar a Ignacio” O
autor de Cerviño contra Cerviño cita un escrito de 2001: 96 onde Eiroa di:
“Camilo Maquieira Solla, artista de cantería de O Xove... quien lo trató
personalmente; Manuel Maquieira que fue viejo guardia municipal...; el maestro
de obras e industrial D. Manuel Sotelo...” Eiroa ten que esperar case 40 anos
dende a publicación do primeiro artigo (1964), para acordarse no ano 2001, de
citar a tres persoeiros que xa morreran e dos que di que coñeceron a Ignacio
Cerviño.
Segundo
o mesmo Eiroa afirma, a primeira vez que publicou un escrito sobre o Cruceiro
de Hío, concedéndolle a súa autoría a Ignacio Cerviño Quinteiro, foi o domingo,
30 de agosto de 1964, nun artigo divulgado no Faro de Vigo, con motivo das Festas do Cristo do Consolo. O
artigo, leva por título: “El Crucero de Hío, verdadera maravilla. La obra de
Cerviño en Cangas”. No artigo aparecen catro fotografías. No centro, e ocupando
a parte alta e máis importante do escrito, vai unha foto do cura de Hío, Don
Antonio Graña, mostrando os cachos das figuras de Adán e Eva, rotas por uns
excursionistas. Na parte baixa, ocupada pola primeira columna, leva unha fotografía do panteón de Graña
Rodal, coñecido como o Ranqueta. No fondo da terceira columna vai o Cruceiro de
Hío e finalmente, tamén no fondo, pero da quinta columna, leva o Matamouros a
cabalo que coroa a chamada Fonte de Santiago, da vila de Cangas do Morrazo.
(Ignacio C. Colexiata de Cangas.
1877) (Ignacio C. Recibos do Cruceiro
do Pego. 1859 e 60)
Neste
artigo, conta Eiroa unha serie de ditos que circulaban polo Morrazo sobre a
personalidade de Cerviño, que son os mesmos que a tradición popular lle
atribuía a Xosé, como son a relación que este canteiro tiña co viño: “todo el
vino le era bueno, con tal de que vino fuera”; “trabajaba lo mismo la piedra
que la madera”; “conocía o arte de destemplar a pedra”; “No había tenido
estudios”; (Ignacio Cerviño sabía ler e escribir) “no recibió más educación ni
le fueron dados más dotes que los de su ingenio”. Tamén di algo da súa colleita
persoal que rectificará ó cabo dos anos: “era un picapedrero más”. Pero nada di
de onde sacou ou en que se fundamentou, para darlle a autoría a Ignacio,
contradicindo toda unha tradición.
Co
tempo, ó darse conta de que todo o que estaba a dicir, tiña que fundamentalo
con “probas” e “testemuñas”, buscará unha serie de “documentos”, como veremos
de seguido, uns de procedencia tan escura e dubidosa que nunca foi capaz de
explicar nin dicir, en que data debemos ir investigar para cotexalo co orixinal,
como é o “recorte dun periódico anterior a 1930”; outros que só proban a
presenza de Ignacio Cerviño como aveciñado en Hío ou en Cangas e finalmente, un
suposto “Libro de Fábrica” ou “Libro da Confraría do Cristo da Luz” que parece só
viu un cura antes de 1930, (isto escrito por De la Cigoña sen ningún tipo de
investigación) outro crego arredor de 1964, dito por Eiroa máis tarde, pero só
de palabra, nunca por escrito e unhas “personas de toda solvencia moral y
cultural”, tal e como se pode ler nas Actas do II Congreso de Cruceiros (páx.
17) que non identifica. Pero este libro ¡nunca o viu Eiroa! e ¡do que nada se
sabe! nin hai ningunha referencia documental noutros libros nin noutros
escritos da época. De seguido imos presentar estas tres “probas fundamentais”
nas que asentou Eiroa e agora explican os seus seguidores, a teoría de que o
Cruceiro de Hío é obra de Ignacio Cerviño Quinteiro. Para este pequeno traballo,
baseareime case exclusivamente no libro “Cerviño contra Cerviño” de Fernández
de la Cigoña, que trata de ser con esta publicación, o exéxeta dos dicires e
dos escritos de Eiroa.
AS TRES PROBAS
1.- O recorte dun
periódico non identificado e imposible de atopar, dunha suposta entrevista
realizada por un tal C.L.V. ó Rvdo. D. Ricardo Touriño, párroco de Hío, antes
de 1930.
2.- O Feito de
que Ignacio Cerviño o 3 de abril de 1872 declarara en Bueu que vivía en Hío.
3.- A manifestación
“oral” que seica o párroco de Hío D. Antonio Graña lle fixo a Eiroa sobre a
existencia e perda dun Libro chamado da Confraría do Cristo da Luz.
PRIMEIRA PROBA.
1.- O RECORTE DUN
PERIÓDICO NON IDENTIFICADO E IMPOSIBLE DE ATOPAR, DUNHA SUPOSTA ENTREVISTA
REALIZADA POR UN TAL C.L.V., Ó RVDO. DON RICARDO TOURIÑO, PÁRROCO DE HÍO, ANTES
DE 1930.
Dísenos
que é un recorte de prensa dunha entrevista que se lle fixo ó Rvdo. D. Ricardo
Touriño, párroco de Hío, nun periódico non identificado e sen data antes de
1930, xa que ese ano morreu o Rvdo. Touriño polo que deixou de ser cura da
parroquia de Hío. Este recorte é un dos piares nos que se baseaba Eiroa para
concederlle a autoría do Cruceiro de Hío a Ignacio Cerviño, en contra do que dicía
a tradición popular, que o autor deste Cruceiro, como xa se ten dito, foi Xosé
Cerviño García, coñecido comunmente coma Pepe da Pena. Nesa entrevista, o
párroco Touriño, se é el o entrevistado, decláralle a C.L.V. que o autor do
Cruceiro de Hío “fue un cantero que gozó de mucha fama en Galicia, llamado
Ignacio Cerviño”.
Esta
nota, chamada de “prensa”, na que o suposto Rvdo. Touriño, equivocado ou non, ó
dar esa información, di nos once carreiros que aparecen no libro de Cerviño
contra Cerviño, (tomada de Eiroa 1996) (páx. 23) o seguinte:
quién lo ejecutó. Es de grandes di-
mensiones y la columna y cruz con-
tienen un importante número de fi-
guras en bulto redondo y talladas
en solo dos bloques; su autor fué
un cantero que gozó de mucha fama
en Galicia llamado Ignacio Cervi-
ño. Con medios adecuados pudo ser
un buen artifice, pero no pasó de
distinguirse por una gran afición y
extraordinaria paciencia.
mensiones y la columna y cruz con-
tienen un importante número de fi-
guras en bulto redondo y talladas
en solo dos bloques; su autor fué
un cantero que gozó de mucha fama
en Galicia llamado Ignacio Cervi-
ño. Con medios adecuados pudo ser
un buen artifice, pero no pasó de
distinguirse por una gran afición y
extraordinaria paciencia.
C. L. V.
O autor de “Cerviño contra Cerviño” di, -referíndose a esta nota- que “Don Ricardo Touriño manifesta nunha entrevista que publicou Faro de Vigo a un periodista que firmaba coas iniciais C.L.V, que o seu autor fora Ignacio Cerviño, e por aquelas datas, tanto lle daría que fora Ignacio ou Xosé, xa que non había polémica a este respecto”. Engade tamén este autor, que a “entrevista foi realizada antes de 1930”, polo tanto 20 anos antes de que Castelao publicara ‘As cruces de pedra na Galiza’. (páx. 23) Chama a atención que esta entrevista careza de data, de cabeceira, de identificación do periódico, do persoeiro entrevistado e de todo canto debe ter unha nota de prensa, para saber cando menos a súa procedencia e poder comprobar a identidade do periódico e cotexalo no arquivo ou na hemeroteca dese diario polo que nos suscita todas as dúbidas de veracidade.
Pero
como nos di De la Cigoña que apareceu publicada no Faro de Vigo (páx. 23), para
asegurarme da veracidade desta entrevista, fun ás oficinas que este diario ten
en Vigo en varias ocasións, onde me informaron que teñen todos os xornais
dixitalizados dende a súa fundación, polo que sería posible dar coa citada
entrevista. As procuras no ordenador non as realicei eu persoalmente senón que
foi sempre algún traballador de Faro de Vigo, ós que lle agradezo o tempo e a
paciencia que tiveron comigo e con tódolos meus interrogantes. Despois de
buscar de tódalas maneiras posibles e facer un exhaustivo varrido dende o ano
1860 ata finais de 1930, non apareceu a citada entrevista na que o párroco de
Hío, Don Ricardo Touriño ou outro persoeiro calquera, lle fai esas declaracións
a C.L.V.. Nin apareceu citado o nome de Ignacio Cerviño como autor do Cruceiro
de Hío nin por outro motivo alleo a este feito. Nin sequera apareceu por esas datas
nin por outras, o periodista que firma coas iniciais de C.L.V. Como se trata de
trebellos moi complicados e ás veces, ata caprichosos, deixei pasar un tempo e
volvín a insistir de novo en varias ocasións por ver se lograba dar coa citada
entrevista, volvendo a insistir no mesmo. Despois de fracasar de novo no
intento, non quero dicir que non estea alí o nome de Ignacio Cerviño. O único
que quero dicir, é que non foi posible dar con el, polo que lle pido ó señor de
la Cigoña, que di que se publicou no Faro de Vigo (páx. 23) que nos informe da
data, se foi el quen de facer esa comprobación e non foi un simple “auto de fe”
na palabra de Eiroa, como parece que así debeu acontecer, xa que non dá, como
se adoita dicir, “sinales de vida”.
Agora
ben, o nome do párroco de Hío D. Ricardo Touriño aparece no Faro de Vigo o día
14 de febreiro de 1914 ó ser nomeado ecónomo de Hío; 24-11-de 1924; o 23-6 de 1925; o 23-3 de
1928; o 9-2 de 1930; o 18 do 5 de 1930; o 4 do 6 de 1930; o 5 do 6 de 1930 onde
se di que faleceu despois dunha operación en Santiago e finalmente unha nota
necrolóxica (esquela) o día 6 do 6 de 1930 na que se di que faleceu o día 3
dese mesmo mes e na que dan as grazas os seus familiares por haber asistido ó
funeral, pero en ningunhas ocasión se fai referencia algunha deste cura con
Ignacio Cerviño.
De
todos modos hai que dicir que no cacho de entrevista que se publica, non
aparecen, nin o nome do cura Touriño, nin se fai alusión algunha a que o nome
de Ignacio estaba escrito no Libro de Fábrica ou nalgún outro libro. Esa falta
quérea salvar De la Cigoña dicindo: “...Porque este sacerdote si tiña naquel
tempo, no seu poder o ‘Libro de Fábrica’ da parroquial do Hío, polo que sabía
perfectamente o que dicía, xa que o lera nas súas páxinas manuscritas”. (páx.
23) Como se pode comprobar, isto último é unha explicación catequética do
recorte de Eiroa por parte de De la Cigoña, que se converte no seu exéxeta e
intérprete, para tratar de abrirlle os ollos ós catecúmenos. Ou dito doutro
xeito, é a interpretación necesaria e a explicación “ad hoc” realizada por De
la Cigoña do que dicía Eiroa, e do que “debía pensar o cura se falara”, que non
ten nin un ápice de investigación porque non é capaz de dicirnos en que día e
en que ano saíu publicada esa nota de prensa, senón que temos que crer nela
coma se se tratara dun auto de fe. Eiroa e Fernández Sotelo dirán, como veremos
máis adiante, que o Libro, non era o de Fábrica, senón o da Confraría do Santo
Cristo da Luz, (Eiroa. Actas do II Congreso. Pás. 17) porque o Libro de Fábrica
desa época, si está na Reitoral de Hío, por máis que De la Cigoña se empeñe en
afirmar o contrario, dicindo, como veremos tamén máis adiante, que llo prestou
o cura Graña González (substituto do Rvdo. Touriño) ó que foi alcalde de Bueu, D.
Xosé Mª Massó.
Moi en
contra do que manifesta De la Cigoña, referíndose a esta proba e ás dúas que
veremos de seguido, “que non admiten discusión posible e non hai máis que acatalas
como verdades de fe”, (páx. 23) debo dicir, que con todas estas carencias e por
encima, con esta petición de fe, non é posible admitir esta nota como proba,
pois considero que é preciso que se saiba de onde procede esta entrevista, en
que periódico se fixo, en que data, que razóns dá o entrevistado para facer tal
afirmación etc., porque con esta presentación non se lle pode dar creto algún,
xa que carece de toda consistencia polo que coido que nin é nota de prensa nin serve
como tal.
Non
sei, porque en ningún sitio se di, ou polo menos eu non o atopei, polo que
carecemos desa información, de como lle chegou a Eiroa este “recorte de prense”.
Pero presentalo coma unha proba irrefutable e dicir “que non admite discusión
posible e non hai máis que acatalas como verdades de fe” paréceme un
atrevemento tan grande que non merece nin comentarios.
Como
xa indiquei máis arriba, di De la Cigoña que “foi recollida no xornal Faro de
Vigo”. Cumpre que este autor nos diga exactamente en que data temos que ir
investigar para poder comprobar a veracidade da mesma. De non ser así, esta
entrevista suscítame a seguinte pregunta: é verdadeiro este recorte de prensa
que contén o que lle chaman unha entrevista ou é unha montaxe de Eiroa? Porque
vista así, esta suposta entrevista ou nota de prensa ou como se lle queira
chamar, tendo en conta que Eiroa foi Correspondente do Faro de Vigo durante
moitos anos, ten todos os visos de ser unha montaxe do autor, xa que é moi
sinxelo facer na redacción dun periódico unha nota deste tipo para logo
recortala totalmente, e deste xeito, non poder facer ningunha investigación
para comprobar tan sequera a data, coa que ter polo menos, a certeza da súa
publicación. Ademais hai algo nesta nota que é moi propio de Eiroa: cando fai
unha cita, pon sempre o nome dos autores só coas iniciais, en vez de poñer os
apelidos e o nome con todas as letras. Ver no Libro de Actas do II Congreso,
páxinas da 15 á 21. É o mesmo sistema que atopamos aquí: C.L.V. Ademais,
tampouco se atopou en Faro de Vigo, por esas datas nin por outras, ningún
periodista que firmara con tales iniciais nin que se corresponda con elas. Polo
tanto, teño que dicir que de non aparecer esta nota chamada de prense no diario
no que foi publicada, considero que é FALSA, polo que lle pido ós seus
defensores, que nos digan onde se atopa.
SEGUNDA PROBA.
2.- A PRESENZA DE
IGNACIO CERVIÑO EN HÍO NO ANO 1872
En
primeiro lugar hai que saber e ten que
quedar moi claro que o Cruceiro de Hío non ten data. A data que dan por boa
autores que trataron este tema como poden ser Eiro, De la Cigoña, Fernández
Sotelo e outros, é a do ano 1872. Pero esta data, como se acaba de dicir, non
está no cruceiro, senón nunha peza exenta, situada á beira do cruceiro. Polo
tanto, o Cruceiro de Hío, non ten data! E se algunha vez a tivo, borrouse. Posiblemente,
esta peza exenta sexa posterior ó cruceiro, porque é un peto de esmolas, no que
depositar cartos para o Cristo da Luz pero isto, non deixa de ser unha
suposición miña.
Tampouco
axudan nada a esclarecer este feito as dúas referencias que hai sobre o Cristo
do Adro no Libro de Fábrica da parroquia de San Andrés de Hío, que en contra do
que di De la Cigoña, como xa se dixo, si que está na reitoral desa parroquia, e
como veremos, consultou Eiroa. O Libro de Fábrica, no folio 130 v. di o
seguinte: “Cuenta rendida por D. Juan Manuel Míguez, Cura párroco de San Andrés
de Hío de las cantidades percibidas para culto de esta iglesia durante los años
de sesenta y cinco, sesenta y seis, sesenta y siete, sesenta y ocho, sesenta y
nueve, setenta, setenta y uno, setenta y dos, setenta y tres y setenta y cuatro”.
CARGO.
Sinálanse varias partidas e no folio 131 v. di: “Tres mil trescientos treinta y dos reales
importe de los muros que se hicieron con motivo de la variación que se le dió
al atrio para la colocación del Santo Cristo.-------------------- 3332”.
Na
páxina 132 pódese ler: “Cuenta que rinde Francisco Javier Piñeiro como
mayordomo fabriquero en los años de mil ochocientos sesenta y cinco, sesenta y
seis, sesenta y siete, sesenta y ocho, sesenta y nueve, setenta, setenta y uno,
setenta y dos, setenta y tres, setenta y cuatro, ambos incluídos...”
DATA: “La
es la cantidad de cinco mil trescientos cincuenta y dos reales gastados en los
diez años en aceite, cera, hostias y utensilios que son por cuenta del
fabriquero, según costumbre.... 5352. Yten setecientos reales que entregó para
ayuda del Santo Cristo del Atrio.--------------- 700”. (páx. 132) Como se pode
apreciar, en ningún momento se especifica en que data se entregaron eses
cartos, tanto para os muros como para a axuda do Santo Cristo do Adro.
Polo
tanto, o ano en que se fixo o Cruceiro do Cristo de Hío si admite dúbidas. O
que non admite dúbidas é o peto de esmolas, coroado por un anxo que ten unha
lenda que reza así: LIMOSNA PARA EL SANTÍSIMO CRISTO DE LA LUZ 1872.
Á
vista de todo isto hai que dicir que o feito de que o 3 de abril de 1872 Ignacio Cerviño Quinteiro asignara diante do
xuíz municipal e do secretario de Bueu un documento (Rexistro Civil de Bueu.
Tomo 3, Sec. 1ª. Nº. de Inscrición 106. Fols. 66-66v) co obxecto de inscribir
no Rexistro Civil dese concello a unha nena que era súa filla, declarando que
era casado, escultor, natural de Augasantas e veciño do Igrexario do Hío e que
ese mesmo ano a súa muller Josefa Linares y Costa, non costureira (páx. 24) de
profesión, como di de la Cigoña, senón “dedicada a las ocupaciones de su seso”
dera a luz unha filla que lle puxeron por nome María del Carmen Remedios. (páx.
24) Este feito, repito, non é concluínte de que estivera alí para facer ou
estivera facendo o cruceiro, nin outro traballo calquera porque non se fai
ningunha referencia a nada, senón que simplemente di, que era veciño do lugar
do Igrexario, parroquia de Hío. Sería concluínte se dixera que estaba
domiciliado en Hío porque estaba a facer alí o cruceiro. En contra do que din
os seus promotores, non se pode demostrar outra cousa nin ir máis alá do que o
mesmo documento di: que era escultor e que vivía coa súa familia no lugar do Igrexario,
parroquia de Hío.
Debemos
sinalar tamén que, tres meses e medio máis tarde, é dicir, o día 20 de xullo dese mesmo ano de 1872,
Ignacio Cerviño declara no Rexistro Civil de Cangas diante do xuíz municipal D.
Xosé Rodríguez e do secretario D. Pedro Nolasco Canda (R.C. de Cangas Número
117) que era escultor e que estaba domiciliado na rúa do Loureiro da vila de Cangas
que foi onde lle morreu a súa filla María del Carmen Remedios, de tres meses e
medio de idade, o día anterior, ás dúas da tarde.
Como
acabamos de ver, o Libro de Fábrica da parroquia de Hío, que está no Arquivo
Parroquial, non aclara absolutamente nada con relación ó ano no que se tomaron
esas partidas para o cruceiro do Adro e as estancias de Ignacio en Hío e
Cangas, tampouco. O único que sabemos que o 3 de abril de 1872 declara que era
veciño do Igrexario de Hío e tres meses e medio máis tarde di que vivía coa súa
muller na rúa do Loureiro na vila de Cangas onde morrera a súa fila María do
Carme Remedios.
De
momento, con estes datos, non se pode ir máis lonxe do que estes mesmos datos
din. Podemos facernos moitas preguntas: -Canto tempo levaba Ignacio Cerviño
aveciñado en Hío? Cando se foi para Cangas? Por que se foi de Hío?, e así ata
cansarnos pero, con estes datos, todas as respostas que deamos non deixarán de
ser simples suposicións e aquí tratamos de facer un traballo de investigación.
Que quede ben claro: un traballo de investigación.
Porque
o feito de que unha persoa, neste caso un canteiro, nun tempo estea aveciñado
nun lugar determinado, non é razón suficiente para non poder realizar un
traballo noutro sitio distinto. Sen ir máis lonxe, o mesmo Ignacio Cerviño, nos
anos 1890-91 estaba aveciñado en Ponteareas como se nos di nunha demanda, sen
embargo, por esas mesmas datas, andaba a realizar en Cangas a fonte de Santiago
e outros traballos máis para poder levar a auga a esa fonte. Sabemos que isto é
así porque nesta demanda que presentou Don José Rey Suárez no nome de D.
Perfecto Labandeira Soliño, di no número 6º dos “Hechos”: “Es de notar que esa
nueva galería fue dirigida y construida no por una persona perita, sino por un
cantero llamado Ygnacio Cerviño, vecino del partido judicial de Puenteareas a
Cañiza, persona incompetente y de la cual no se puede suponer la pericia, el acierto
y la fortuna necesaria para conseguir...” (Arquivo Municipal de Cangas. Contestación
á Demanda do Concello de Cangas. 14 de junio de 1891) Por iso, o feito da
veciñanza nun lugar, non indica máis co que indica: que estaba aveciñado alí
polo que considero que con esta “proba” así sola, no se pode concluír máis do
que di o documento que a contén. De Ignacio Cerviño aparecen bastantes datos da
súa veciñanza en distintos lugares e por diversos motivos. Un dos máis
socorridos é debido ó feito, de que andaba acompañado da súa familia. Por este
motivo, ó nacerlle un rapaz, ou falecer, tiña a obriga de inscribilo e
notificar o feito no rexistro do concello onde se atopaba, como sucedeu no caso
de Hío, daquela pertencente ó concello de Bueu ou posteriormente, en Cangas.

(Ignacio C. Baldaquino
do panteón de Cerdedo) (Ignacio C. San
Isidro Labrador. Panteón de Cerdedo)
TERCEIRA PROBA.
3.- A
MANIFESTACIÓN “O R A L” QUE SEICA O PARROCO DE HÍO D. ANTONIO GRAÑA
GONZÁLEZ LLE FIXO A EIROA SOBRE A EXISTENCIA E PERDA DUN LIBRO CHAMADO DA
CONFRARÍA DO CRISTO DA LUZ. (Páx. 24)
Cóntanos
o autor de ‘Cerviño contra Cerviño’, que “no ano 1964 o cura de Hío, D. Antonio
Graña González, manifestoulle “VERBALMENTE” a Eugenio Eiroa Hermo”, (Hai que
reseñar que no artigo que publicou ese ano non fai ningunha referencia a este
feito, e eu descoñezo outra publicación distinta da que nese ano fixo Eiroa no
Faro. Tamén descoñezo calquera publicación feita por Eiroa sobre este tema,
anterior a 1999, nove anos despois da morte do Rvdo. Graña González). Volvendo
ó inicio: “que el tivo nas mans o citado libro, (refírese ó Libro de Fábrica da
parroquial de Hío) (páx. 24) que herdara do cura anterior (o señor Touriño) no
que viu cos seus propios ollos que o autor do cruceiro do Cristo da Luz foi
Ignacio Cerviño Quinteiro”. (páx. 24) Di que este parágrafo está tomado de
Eiroa Hermo 1964. Compre que nos diga De la Cigoña a onde hai que ir consultar este escrito de
1964 porque, como xa se dixo, no artigo dese ano que saíu publicado no Faro de
Vigo non fai referencia ningunha a este feito e contradí o que afirmou ó
inicio, onde di que a información que lle deu o cura foi “verbal”. E segue dicindo: “Que el, e soamente el, se
consideraba responsable da súa perda, pois prestoullo de boa fe a Xosé María
Massó, por aquel tempo alcalde de Bueu na época de Franco, e todopoderoso
cacique no Morrazo, ó que ningún requirimento se lle podía negar e nunca o
devolveu”. De la Cigoña remata así: “Naquel libro si constaba a paternidade de
Ignacio como artífice do cruceiro do desencravo, como ben manifesta o cura”. (páx.
24)
É
tanta a necesidade de probar o que non dá probado, que este autor (De la
Cigoña) dá como proba argumental contundente
un “dixo Eiroa que lle dixera O Cura” coma se dun documento contrastado se
tratara. A este respecto o mesmo Eiroa dá como argumento e proba contundente a
seguinte xenialidade: “quienes tuvieron en su poder el libro de fábrica de la
Cofradía del Cristo de la Luz sostuvieron siempre que quien realizó el Crucero
fue precisamente Ignacio. Nadie mejor que ellos podían decirlo, y no eran
personas cualquiera, sino que de toda solvencia moral y cultural”. (Actas do II
congreso, páx. 17) Non sabemos quen son esas “persoas de toda solvencia moral e
cultural” dos que nos fala Eiroa, porque non lles pon nin nome nin nos dá
referencia algunha a onde poidamos ir comprobar o efecto que lles produciu o
feito de ter no seu poder ese libro. Hai que dicir que nin sequera el mesmo foi
quen de ver o nome de Ignacio Cerviño escrito no mencionado Libro da Confraría
do Cristo da Luz. Non sabemos cando Eiroa empezou a “contar” por primeira vez
que o cura Graña prestara o libro, porque todo era “verbal”. O que si sabemos é
que nese ano de 1964, estando o cura presente non fai ningunha referencia a ese
libro nin a que o nome de Ignacio estaba escrito nel, nin que o cura lle
contara algún detalle sobre Ignacio Cerviño.
Unha
forma de saír dun atranco cando se precisa unha proba e non se atopa
documentación é a de recorrer a un morto que o contou ou a un libro que ardeu
ou a un documento que desapareceu porque o roubaron ou se prestou. Aquí
estásenos pedindo, non que creamos na palabra do cura D. Antonio Graña, que non
dixo nada en público a este respecto, que se saiba, senón na palabra de Eiroa
que fala por boca do cura, tempo despois de que este morrera, cando sabemos que
Eiroa, a este respecto, tiña uns intereses moi dirixidos, polo que este
argumento suscita tódalas dúbidas e preguntas para que se puidera crer na
existencia de tal libro.
¿Por que cando o cura estaba vivo non
escribiu nada sobre a existencia dese libro nin do que dicía, senón que ten que
esperar a que estivera morto para dicir que lle dixera D. Antonio Graña que o
nome de Ignacio Cerviño estaba escrito nese libro como autor do Cruceiro de
Hío?
¿En todos eses anos que hai entre a suposta entrevista
de Touriño (antes de 1930) e a desaparición do Libro, (supostamente en 1964) non
tivo tempo de consultalo el mesmo? e dese xeito xa non tería que recorrer a
terceiras persoas para dicir que fora Ignacio o que fixera o cruceiro de Hío?
¿Por que cando estaba o cura vivo non o
entrevistou el para que lle dixera que o autor fora Ignacio Cerviño, porque o
vira el escrito nese tal Libro da Confraría do Cristo da Luz? Pois non sería
por falta de tempo, xa que Graña González foi cura de Hío dende 1931 a 1981.
¿Como
se pode entender que antes de que o cura de Hío lle prestara supostamente á
Massó o libro da Confraría do Cristo da Luz, e este libro desaparecera da face
da terra, non houbera ningún cura, ningún interesado, ou como di Eiroa,
ningunha “persoa de toda solvencia moral e cultural” que, con nome propio,
despois de case un século de existencia, fixera público, fundamentado nese
libro, que Ignacio Cerviño fora o autor do cruceiro de Hío?
Á vista destes dicires, parece que en case 100 anos de existencia do Cruceiro de Hío, os únicos seres humanos que viron o nome de Ignacio Cerviño escrito nese libro como autor do Cruceiro de Hío foi D. Antonio Graña, que nunca dixo nada en público, senón que falan no seu nome Eiroa, Fernández Sotelo e De la Cigoña e unhas persoas “de toda solvencia moral e cultural”, que escribe Eiroa, pero sen nomes nin apelidos. Porque o “suposto Touriño da entrevista”, non di de onde procede a súa afirmación.
A miña pregunta é a seguinte: ¿Existiu
un Libro de Fábrica distinto do que consultou Eiroa no ano 1964 do que nos dá
uns cantos datos no artigo?
Nese
artigo do 30 de agosto de 1964, que De la Cigoña exhibe como punto de partida e
proba “irrefutable”, Eiroa Ermo, autor dese traballo, ó referirse á lenda que
leva no pé o cruceiro di: “las inscripciones que allí grabó Cerviño están a
punto de desaparecer, pidiendo a gritos el clásico tratamiento de la cera.
Gracias a estas inscripciones pudimos saber algo, que ya muchos parecen ignorar”....
Un pouco máis adiante engade: “Fue hecha
esta obra siendo abad el señor...”. Despois engade o articulista: “Debió de ser
D. Juan Manuel Miguez, pues en las cuentas de los años 1865 a 1874, que él mismo
presentó, aparecen consignados 3332 reales, importe de los muros que se
hicieron con motivo de la variación que se le dió al atrio para la colocación
del Santo Cristo” E máis adiante engade: “Las cuentas que el fabriquero
Francisco Javier Piñeiro rindió por la misma temporada (1865-1874) comprenden a
una partida de 700 reales que el mismo
entregó para ayuda del Santo Cristo del Atrio, lo cual dejó a la Iglesia en
deuda con aquel, a quien el arzobispo no dejó de reprender por rendir tantas
cuentas”. De seguido, o articulista fala do peto de esmolas que está á beira do
cruceiro e da súa lenda: “Limosna para el Santo Cristo de la Luz. Año 1872”. Como se pode apreciar
aquí, e dito por Eiroa, este autor, ¡si consultou o Libro de Fábrica! Pois este
é o Libro de Contas onde se inscribiron os gastos do Cruceiro. De haber
existido outro libro máis como sería ese que Eiroa chama da Confraría do Cristo
da Luz, para as contas do cruceiro, con toda seguridade se houbera sinalado
aquí, facendo saber que había outros gastos distintos dos que estaban anotados
no libro parroquial de Fábrica.

(Ignacio Cerviño. Retablo de
Areas. A Presentación)
Como
se pode ver, Eiroa reflicte o que di o libro de fábrica, e nada máis, porque
non había outro libro, porque el mesmo fala do Fabriqueiro e dos gastos que se
xeraron por certos traballos relacionados co cruceiro. Do que non fala o
articulista Eiroa é do autor do cruceiro porque nada di sobre el o libro de
Fábrica. Dá a impresión que nese intre, Eiroa pensaba que ninguén lle poría
obxeccións nin trataría de polemizar
sobre o autor do Cruceiro, pois o simple feito de publicalo no Faro de Vigo,
sería motivo máis ca suficiente para que Ignacio Cerviño fora admitido por todo
o mundo, sen máis, como autor do Cruceiro de Hío como se dera por bo ata aquela
data, sen que ninguén o cuestionase, que fora Xosé Cerviño o que o fixera. Vai
ser de aquí en diante e pouco a pouco, ó empezar a poñerlle obxeccións, cando
empece tamén el a buscar e a tratar de mostrar con estas “probas”, que como
vemos, chegan sempre despois de que morreran as persoas que sabían, que fora
Ignacio o que o fixera ou que viran o seu nome escrito en algures.


(Ignacio Cerviño. Imaxes da
Mesa da Última Cea. Colexiata de Cangas)
Aínda así, tratei de buscalo nun lugar, que de haber existido, debera estear alí. Despois de saber que Xosé María Massó García, na compaña do seu irmán Gaspar, deixaron un Museo na vila de Bueu no que se conservan algúns documentos anteriores ó descubrimento de América, algúns deles relacionados coa compra e venda de escravos, sobre todo por terras de Castela; gran cantidade de libros vellos, cartas mariñas, decretos de navegación, réplicas de navíos de guerra e de pesca e outros trebellos relacionados con esta actividade, pareceume que era obrigado facerlle unha visita a ese museo porque, sendo certo que o cura Graña González lle prestara o libro de fábrica relacionado co Cruceiro de Hío ó señor Massó, podía ser posible, dada a afección que este home e a súa familia tiñan por todo tipo de documentos antigos, que estivera alí conservado. Presenteime no museo Massó, propiedade actualmente da Xunta de Galicia, o día 14 de xaneiro do ano 2014 para ver se era posible que me deran alí noticias dese libro. Dirixinme á directora dicíndolle que podía ser, que no ano 1964, o cura de Hío, D. Antonio Graña González, lle prestara un Libro no que se falaba do Cruceiro de Hío e do seu autor ou autores, a D. José María Massó. Ese libro, dependendo un pouco dos autores que o citan como fonte de coñecemento da realización do Cruceiro de Hío, levaría por título:
- Libro de Fábrica de la Cofradía del Santo Cristo
de la Luz,
- Libro de la Cofradía del Santísimo Cristo de la
Luz,
- Cofradía del Santísimo Cristo de la Luz.
Tamén puidera chamarse: - Libro de
Fábrica de la parroquia de Hío ou - Libro de Fábrica de la Parroquia de San
Andrés de Hío. Díxenlle tamén que o citado libro, podería estar encadrado na
segunda metade do século XIX xa que o Cruceiro, segundo se pode ler no Libro de
Fábrica da Parroquia de San Andrés de Hío, debeuse realizar entre os anos 1865
e 1874. Se fora o Libro de Fábrica da Parroquia, cabía a posibilidade de que
empezara anos antes da data arriba sinalada.
SOLICITO
1.- Que se me diga se existe nesa biblioteca-museo un libro no que se
escriba sobre o cruceiro de Hío e da súa feitura.
2.- Se nese libro aparece o nome do autor ou autores que realizaron esa
obra magnífica, como é o Cruceiro de Hío.
3.- No caso de que exista ese documento, poder comprobar o contido no
referente ó autor ou autores do cruceiro e a posibilidade de realizar
fotocopia do texto no que se faga referencia ó autor ou autores do Cruceiro de
Hío.
O
mesmo día, 14 de xaneiro a directora informoume que non había ningún libro
catalogado con ese nome nin que tratara sobre o tema do Cruceiro de Hío. Neste
informe díxome que hai varios documentos sen catalogar pero que os tiña
repasado todos e en ningún deles había a
información que eu solicitaba. Debo dicir que o Museo Massó, o seu arquivo e a
súa biblioteca están a disposición de quen queira preguntar e investigar sobre
este detalle.
Por
aquilo de que D. Xosé María Massó foi alcalde de Bueu, e unha vez que estaba
nesa vila, achegueime ó concello solicitando poder entrevistarme co arquiveiro.
Na mesa de información remitíronme ó Arquivo Municipal que está nunha casa que
o concello de Bueu ten para este efecto na parroquia de Cela, moi preto de
igrexa románica de Santa María. Atendeume o arquiveiro D. Belarmino Barreiro
Rosales quen me informou que non hai nese arquivo municipal ningún libro que
trate sobre a Confraría do Santo Cristo da Luz nin nada relacionado co Cruceiro
de Hío.
Pois
ben, hai que dicir que con relación ó suposto
Libro da Confraría do Cristo da Luz: non hai unha soa referencia nos libros
parroquiais nin en ningún documento, nin sequera nos escritos de Eiroa
anteriores á morte do cura, nin nada que poida demostrar que tal libro existiu
polo que hai que poñer en entredito a palabra de Eiroa xa que este home, e
neste caso concreto, parece que ten todos os visos de que non se comportou como
un investigador senón coma un “fabulador” que se inventou un Libro co único
propósito de concederlle a autoría do
cruceiro de Hío a Ignacio polo que lanzou o bulo da existencia dun suposto libro
chamado da Confraría do Cristo da Luz no que por suposto, se falaría do autor do
Cruceiro e se diría que era Ignacio, o
seu autor, facendo público isto, despois de que xa tiña morto Graña González,
que segundo Eiroa, foi o que prestou o mencionado libro.
Para
min, tanto o invento do libro de Fábrica da Confraría do Cristo da Luz, como o
da entrevista de C.L.V. nun periódico non identificado, coido que foi xurdindo
co tempo, despois de que Eiroa descubrira que a Fonte da Colexiata de Cangas
que está coroada por un Santiago Matamouros, lle fora contratada polo concello
de Cangas a Ignacio Cerviño. Unha forma de darlle prestixio, no só á fonte, senón ós monumentos de Cangas e ós
que hai nos arredores, era concederlle a ese mesmo autor, a feitura do Cruceiro
de Hío. Como do autor do Cruceiro de Hío non atopou documento ningún, non se
lle ocorreu mellores cousas ca
inventarse co tempo un Libro de Fábrica dunha Confraría e unha suposta
entrevista a un cura que xa morrera. Porque, como se pode comprobar, a primeira
proba, que é a nota dun periódico, “xorde” despois da morte dun cura e a
terceira, despois de que se perdeu un libro do que nada hai escrito ata despois
de que morrera tamén outro cura, que segundo o autor deste “invento”, foron os
únicos que viron tal libro, ademais das “persoas de toda solvencia moral e
cultural”, que sinalamos máis arriba.
(Ignacio Cerviño. San Xoán Evanxelista) (Ignacio Cerviño. Xesús coa cruz)
Todos os argumentos que se dan son sempre a
posteriori; ou ben, despois de que morrera a persoa que o sabía, ou
desaparecera o libro que contiña as necesarias confirmacións, polo que
considero que todas estas “probas” que nos deron son unha verdadeira “tomadura
de pelo”. Teño que dicir, que nas miñas pescudas sobre o recorte do Faro de
Vigo e a do Libro da Confraría do Cristo da Luz, sentinme estafado, burlado, enganado
e perdendo o tempo nas “ocorrencias” dunha persoa que por teimar nunha idea imposible,
por ser falsa e sen fundamentos, fíxome cachear en arquivos, buscando unha
mentira. Neste senso, os seus discípulos, son moito máis eficaces, xa que
consideran estas teorías como artigos de fe e cren nelas sen necesidade de
sometelas a probas empíricas para comprobar a veracidade das mesmas.

(Ignacio
Cerviño. A Madalena) Ignacio Cerviño. Francisquiño
das Ferramentas)
Á vista destas consideracións penso que para ir desmontando todas estas “FANTASÍAS” que foi tecendo Eiroa e agora seguen a manter os seguidores das súas teses, simplemente con palabras, sen aportar un DOCUMENTO QUE AS ACREDITE, considero que sería necesario realizar unha investigacións exhaustiva por parte de críticos de arte, cualificados e independentes, que estuden e comparen se o autor do Santiago Matamouros da Fonte da Colexiata de Cangas, o San Isidro do Panteón de Cerdedo, o Cruceiro da ermida de Nosa Señora do Pego, as imaxes da Mesa da Última Cea, o Cristo Articulado do Desencravo, as imaxes da Madalena, a Verónica, o Francisquiño da Ferramenta e algunha máis, igualmente, na colexiata de Cangas e as imaxes do retablo das Sete Dores da Virxe, na igrexa de Santa María de Areas, das que sabemos documentalmente que pertencen a Ignacio Cerviño, DETERMINEN SE PERTENCEN Ó MESMO AUTOR QUE FIXO O CRUCEIRO DE HÍO, O PANTEÓN DO RANQUETA, O CRUCEIRO DE COVELO E O PAXE DA FONTE DO CRISTO DE PORRIÑO. Porque as obras que sinalabamos arriba, sobre todo as exentas, coñecidas tamén coma de “vulto redondo”, e que sabemos documentalmente que pertencen a Ignacio Cerviño, son tecnicamente inferiores e con moita diferenza, das do AUTOR do Cruceiro de Hío, do Panteón de Ranqueta, do Cruceiro de Covelo e do Paxe da Fonte do Cristo de Porriño, por sinalar algunhas. A técnica do autor destas catro últimas obras que sinalamos, está a anos luz, da técnica das obras que sabemos documentalmente que son de Ignacio Cerviño. Ignacio Cerviño foi un excelente canteiro. O seu problema grave como escultor, reside sobre todo, nas imaxes exentas, xa que mostran gran rixidez, excesiva desproporción, carencia de expresividade, falta de movemento e en moitas ocasións, remates inacabados, que os seus defensores argumentan dicindo que era, porque ían ser policromadas.
Ós que traballamos e investigamos sobre este “sainete”, só nos queda por ver a “parusía” do Libro da Confraría do Cristo da Luz, que seguramente algún día o fará regresar do mundo da fantasía, convertido en realidade tanxible, algún dos seus discípulos. Polo que penso e espero, que este libro se manifeste con todo o seu esplendor e gloria en algún arquivo despois de haber pasado polo limbo dos anxiños por non ter recibido a auga do bautismo de mans do Rvdo. Graña González antes de este lle entregara a criatura, ó todopoderoso Massó que non tivo a ben, inscribilo no rexistro dos bautizados. Aínda así, ó non ter culpa a criatura, os deuses apiadaranse del e devolverano á vida, san e salvo para gloria de Ignacio Cerviño e dos que o consideran pai do que non foi.
Ignacio Cerviño. A
Verónica
Debo
dicir que no muro do adro de San Andrés de Hío, hai unha placa de bronce na que
se di que Ignacio Cerviño foi o autor dese cruceiro. Ó meu entender, esa placa
é un insulto ó bo facer doutro canteiro e está fundamentada sobre unhas probas
máis ca sospeitas, creadas por unha persoa que nunca puido demostrar que eran
certas, polo tanto, por honradez humana, sería conveniente retirala, mentres
non se teña a lo menos, unha proba de certeza contrastada e irrefutable.
(Xosé Cerviño. Pepe da Pena. Cruceiro
de Hío)
Xesús Antonio
Gulías Lamas
Santa María de Beariz de Montes, Novembro de
2014.